A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) resolveu conceder ao programa da Radio Galega ‘Convivir en Igualdade’ o seu I Premio FEGADACE. Este galardón nace como recoñecemento ao labor de difusión da problemática das persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e das súas familias, e entregarase no II Foro de Familias de persoas con dano cerebral.
A condutora de ‘Convivir en Igualdade’, Clara de Sáa, amosou a súa satisfacción en representación de todo o equipo do programa. Con este premio, a Federación recoñece o particular esforzo do programa por comprender a situación tanto das persoas con discapacidade como das asociacións que as representan, e o empeño por informar e concienciar sobre a nosa diversidade e problemática á sociedade galega.
‘Convivir en Igualdade’ é un programa radiofónico que se emite diariamente na Radio Galega. De contido social, dedica boa parte do seu espazo nas ondas ao traballo das asociacións do terceiro sector, con especial atención ás entidades de persoas e familiares con discapacidade.
O I Premio FEGADACE vaise entregar durante o acto de clausura do II Foro de Familias de persoas con dano cerebral, que a Federación organiza en Santiago de Compostela o sábado 19 de outubro. Este segundo Foro, que vai ter lugar na Facultade de Psicoloxía da USC, está dedicado a ‘As familias de persoas con Dano Cerebral Adquirido: soporte e acción’, e pretende afianzar o punto de encontro e de posta en común anual que se inaugurou en 2012.
O Premio FEGADACE ten a súa orixe nos recoñecementos entregados o ano pasado pola Federación a diferentes persoas especialmente implicadas no traballo diario das asociacións galegas de dano cerebral. Estes recoñecementos institucionalizáronse a través do galardón que se estrea agora, e que cada ano recoñecerá o traballo e traxectoria dun axente social implicado na defensa e no traballo de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido.
FEGADACE fará público nos próximos días o programa do II Foro de Familias. Este encontro celébrase este mes coincidindo coa conmemoración do Día do Dano Cerebral cada 26 de outubro. A Federación quixo adiantar a cita ao día 19 para ceder ás súas asociacións o espazo para a realización de actividades conmemorativas e de defensa das persoas con dano cerebral.
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.