A última vez que estivéramos nela fora en maio de 2004, só tres meses antes de finar Manuel María. Acudiramos a Outeiro de Rei para acompañar ó poeta na presentación do libro “Elexías á miña vida pequeniña”. Cando polos 50 do pasado século Manuel o escribiu- unha das súas primeiras obras- enviou o orixinal a Cunqueiro pedindo a súa opinión; este nunca respostou, o traballo extraviouse e o autor tiña mágoa porque, en contra do que nel era habitual, non se quedara con copia. Medio século despois, e por un casual, entre vellos papeis apareceu o traballo do chairego na casa do mindoniense, e foi editado. A doenza do vate estaba moi avanzada; vencendo os atrancos desprazouse dende a Coruña á súa amada carballeira de Santa Isabel e alí, a carón do monolito que había anos levantárase na súa honra, recibiu a homenaxe íntima de pouco máis dunha ducia de amigos, cos que viviu a ledicia da obra recuperada; logo, imos á Casa e o cronista, por derradeira vez, sentou na cadeira da cociña central. Voltamos agora á nobre casona, xa Casa-Museo de M.M., na que se realizou unha fermosa obra que conserva toda a personalidade e o engado da vella casa labrega, fondamente enraizada no lugar, rodeada da horta e árbores que o Poeta da Terra Chá amaba profundamente e que cantou ó longo da vida: o cedro, xigante e poderoso; a claudeira; a cerdeira e a mazaira; a grande e frondosa nogueira; o loureiro , “feito de luz e vento namorado”; a pereira vella … e a palleira, convertida en auditorio. Fiel ó espíritu, a casa mantén vivo o recordo do poeta: a habitación e a cama na que naceo; o coarto do Reloxo de parede co despacho e a vetusta máquina coa que escribiu centos de poemas; as coleccións de navalliñas, de estilográficas e de reloxos; cadros, no seu día agasallos de grandes artistas da terra; os poemas a Saleta e a cada rincón da casa; os 14 mil volumes da biblioteca: en lugar preferente o libro “Versos florecidos en louvanza de Foz”, e diversas referencias gráficas e literarias da súa relación coa vila; toda unha vida. A visita resultounos moi emotiva…
Suso Fernández