Cervo, 16 de outubro 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, respondeu hoxe ás declaracións do deputado provincial de Obras, Manuel Martínez, que acusou ao Concello de enganar á Deputación co proxecto de saneamento de Trasbar incluído no POS. “O Concello non engana a ninguén”, asegura Villares. “Non sabemos se o alcalde de Becerreá ou na Deputación teñen por norma mentir e enganar, pero no Concello de Cervo facemos a cousas de forma seria e rigorosa”.
O rexedor explica que o Concello enviou á Deputación por dúas veces toda a documentación coa obra detallada e os planos, e que o mesmo proxecto que se lles presentou foi o que se executou. “Non se fixo ningún traballo nin ningunha actuación que non estivese dentro do proxecto”, matiza. Ao mesmo tempo, Villares especifica que dende a presidencia da Deputación “concedéronnos autorización ao solicitado”. Por iso, o mandatario cervense recoméndalle a Martínez que sexa “máis cauto” e “non diga mentiras tan evidentes que caen polo seu propio peso”. Neste sentido, o primeiro edil preguntouse se “o informaron mal ou simplemente minte de forma consciente”.