O Concello de Ribadeo deu a coñecer este sábado as actividades organizadas para os centros de ensino durante o curso 2013/14.
A proposta para este curso divídese para en diferentes actividades para Primaria e Secundaria; aínda que algunhas delas coinciden. Así, por exemplo, e por primeira vez, inclúese o programa de prevención de drogodependencias e trastornos aditivos tamén no último ciclo da Educación Primaria, 5º e 6º. A proposta do Cinensino consiste na educación en valores a través do cinema para traballar posteriormente con material didáctico específico. Tamén dirixido ao mesmo colectivo se desenvolverán catro Obradoiros de Saúde. Así mesmo, continuarase a traballar nos catro cursos da ESO, e nos ciclos medios que sexan solicitados dende o CIFP, temas coma o alcohol, o cannabis, a realidade do consumo de drogas, a influencia da publicidade ou o uso das redes sociais. Estas actividades tamén se estenderán ao ámbito familiar co programa ‘Medramos falando’. E, no ámbito comunitario, a información actualízase diariamente na páxina de facebook AdicciónsZeroRibadeo.
Outra das actividades comúns, tanto para alumnos e alumnas de Primaria coma de Secundaria, organizadas polo Concello será o photocall ‘Gústame o galego’ que se achegará a Ribadeo nos días previos ás Letras Galegas e que irá precedido dun traballo previo.
E, dirixido aos alumnos de Primaria, está previsto solicitar á AGADIC o espectáculo musical ‘A nena e o grilo nun barquiño’, o novo libro-disco de Magín Blanco.
Rádares xuvenís, igualdade de xénero e lingua
Para os mozos e mozas da ESO, dende o Concello “queremos, desde esta administración local, colaborar cos centros de ensino do municipio con actividades que desde unha perspectiva externa ás aulas redunden na configuración dun pensamento crítico, ético e comprometido e no coñecemento da sociedade actual sobre todo a través das súas cuestións non resoltas”. As súas propostas xiran arredor de tres temas: a creación de rádares subvenís / antenas móveis que sirvan de enlace entre os centros de ensino e o Concello, a igualdade de xénero e a lingua.
O espectáculo para a prevención da violencia de xénero “I’ll be watching you”, do grupo Chévere, é un proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial de consumo masivo. O evento terá lugar o vindeiro martes 15 de outubro no Teatro de Ribadeo entre as 12.00 e as 13.00 horas.
Na senda da igualdade de xénero tamén se levará a cabo unha campaña de promoción do deporte femenino en varias fases. En primeiro lugar, recolleranse datos sobre a desigualdade de xénero na práctica deportiva en Ribadeo; ademais de consultar o punto de visto dos clubs en diferentes reunións. A segunda fase consistirá nunha campaña gráfica e outra reivindicativa na que se recollerán sinaturas para facer saber o malestar pola discriminación ante as Federacións e o Defensor do Pobo. E a terceira, será unha xornada de portas abertas nas que mostrar ás rapazas a práctica de diferentes deportes con presenza feminina minoritaria.
En relación á promoción do galego, ademais do photocall, aos profesores e alumnado da ESO vai dirixida a presentación do libro “Do estigma á estima!, de Valentina Formoso, como recoñecemento da necesidade de reflexionar sobre o modelo de ensinanza do galego nunha franxa de idade onde o noso idioma xoga o futuro.
A nosa historia
Dende o Concello consideran que “o coñecemento da nosa historia é fundamental para interpretar de xeito crítico e responsable o tempo presente”. Polo mesmo, organizan unha visita guiada ao Panteón Real da Catedral de Santiago e “engadimos como parte máis lúdica da visita o percorrido polas cubertas da Catedral”. A viaxe realizarase o vindeiro luns 21 de outubro.
E, finalmente, en relación coa Historia, pero máis estreitamente relacionada coa de Ribadeo, distribuirase entre o alumnado do municipio a obra de Emilio Piñeiroa, “Pegadas da Prehistoria en Ribadeo”.