O Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, a través da Dirección General de Desarrollo Rural y Política Forestal, iniciou as obras para a construción do “Camiño Natural da Ruta do Cantábrico”, na provincia de Lugo, que contarán cunha inversión de 900.000 euros.
O camiño proxectado ten unha lonxitude total de 133 quilómetros e discorre polos termos municipais de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo. A anchura proxectada para a plataforma do camiño é variable entre 1,50 e 4,50 metros, coa terminación do firme en zahorra artificial, madeira, terra e aceirados.
Este Camiño Natural está deseñado para ser percorrido por sendeiristas, ciclistas e en moitos tramos incluso a cabalo, non permitindo a circulación dos vehículos a motor. Ao longo da ruta atópanse tres das catro Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPAs) existentes na provincia e outros tantos Lugares de Interese Comunitario (LIC).
Ademais pódense visitar lugares de gran interese coma patrimonio histórico que inclúen dolmens e numerosos monumentos da época medieval.
Coa creación deste Camiño impúlsase o desenvolvemento sostible da zona, mediante a potenciación dos recursos económicos coa promoción do seu uso e a súa divulgación tanto no ámbito nacional coma internacional.
A realización desta obra enmárcase no convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Segundo dito convenio, o Ministerio comprométese ao financiamento directo da obra.
Pola súa parte, a Consellería responsabilízase da redacción do proxecto, a obtención de todos os permisos e autorizacións pertinentes, a tramitación ambiental e a seguridade da dispoñibilidade dos terreos necesarios, así como da conservación e o mantemento do camiño unha vez finalizadas as obras.