Santiago, 18 de outubro de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou na sesión da Comisión de Pesca e Marisqueo que tivo lugar na mañá deste venres, a proposta do Grupo Popular, pola que se insta á Xunta, a proseguir as xestións diante do Parlamento e Consello europeo para conseguir a ratificación do acordo de pesca asinado co Reino de Marrocos.
O Parlamento galego demanda ao Goberno que centre as súas actuacións para que finalmente o protocolo poida aplicarse e non se produzan sorpresas como aconteceu en decembro de 2011 cando o anterior protocolo non puido entrar en vigor tras ser rexeitado polo Parlamento europeo.
INCONGRUENCIA DO PSOE
A iniciativa saíu adiante co voto favorable do Grupo Popular e sen o apoio da oposición o que serviu a Balseiro para poñer de relevo a incongruencia do PSdeG contrario a votar favorablemente en Galicia ante a mesma iniciativa que os socialistas si apoiaron no Congreso dos deputados.
MELLORAS PARA A FLOTA
O novo acordo, tal como expuxo o portavoz popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, garantirá a actividade a un centenar de buques españois, na súa maioría de carácter artesanal, con máis de 700 tripulantes, principalmente de Andalucía, Canarias e Galicia. Só da nosa comunidade viñan operando nese caladoiro 16 barcos galegos: 5 arrastreiros e 11 palangreiros de fondo.
Os populares cren que aínda é aventurado adiantar cantas embarcacións da nosa flota podería facer uso das licenzas incluídas no acordo, pero sinalan que o importante é que se recoñezan posibilidades de pesca que suporán oportunidades de emprego para o sector.
“As condicións técnicas do novo acordo supoñen unha sensible mellora con respecto ao protocolo anterior, o que fai prever que se produza unha utilización maior que no pasado”- indicou Balseiro.
O popular tamén destacou importantes vantaxes que afectan aos cerqueros artesanais do norte, ao ampliarse a zona de pesca cara ao sur, e para os palangreiros, que ven ampliadas o número de licenzas e a zona de pesca.
DEREITO HUMANOS E SÁHARA
Ante as dúbidas suscitadas por AGE –que rexistrou unha emenda en relación co cumprimento dos dereitos humanos e a problemática entre Marrocos e o Sáhara- os populares lembran que o novo acordo cumpre coas esixencias impostas polo Parlamento europeo. En concreto introduce unha cláusula que fai posible a suspensión do acordo ou o pago da multa correspondente si hai incumprimientos en materia de dereitos humanos.
Con todo Balseiro defendeu que na opinión do Grupo Popular é un camiño errado buscar solucionar o conflito do Sáhara a través dun acordo pesqueiro. O portavoz popular considera que a cuestión saharaui debe ser tratada noutros foros internacionais e non a través dun convenio pesqueiro-comercial.
“Se os barcos galegos non acoden a este caladoiro a faenar faranno outros de bandeira probablemente chinesa ou rusa”, dixo Balseiro quen preguntou se en AGE se prefiren “un protocolo para que sobrevida a nosa flota ou que alí veñan barcos de fóra que despois venderán as capturas no noso mercado”. Nese senso instou á Xunta a “facer posible que os nosos pescadores poidan faenar nas augas que sempre o fixeron”
PLAN DO POLBO
Por outra banda, os populares rexeitaron unha iniciativa do PSOE sobre o novo plan de xestión do polbo na que os socialistas demandaban a elaboración de novos informes científicos, maior participación do sector no seu deseño, e ampliar os controis das capturas de polbo foráneo. Balseiro dixo que todas estas peticións “chegan tarde, xa que a Xunta deu cumprimento debido a cada un destes extremos”.
Así por exemplo, explicou que a Unidade Técnica de Pesca De Baixura (UTPB) veñen realizando informes científicos periódicos a través dos que leva estudando a poboación de polbo nas nosas costas dende os últimos 12 anos. E por iso “sabemos que a situación biolóxica do polbo galego é comprometida”.
De feito, dende o 2010 vense rexistrando unha diminución na cantidade de capturas deste cefalópodo e tamén seu valor económico, “circunstancias que unha administración responsable non pode obviar”. Precisamente estas circunstancias son as que converten a elaboración do plan de xestión do polbo “nun exercicio de responsabilidade e rigor por parte da Consellería do Mar, dirixido a acadar a sustentabilidade do recurso”.
O deputado popular tamén defendeu que a elaboración do mesmo levouse adiante a través dun proceso participativo e, polo tanto, da man do sector, con independencia das dificultades que supoñen conciliar as distintas posturas defendidas polas confrarías.
Finalmente Balseiro dixo que no PP son os primeiros defensores dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos e que estes compitan en igualdade de oportunidades nos mercados. E lembrou que a competencia si é polas canles legais nunca pode ser considerada como competencia desleal. Mentres que a súa distribución ilegal é perseguida polas forzas de seguridade e gardacostas, tanto na extracción e comercialización.