O PSdeG-PSOE considera “unha auténtica desfachatez” que a Xunta de Galicia esixa a devolución de 6.000 euros a Prescolar na Casa, correspondentes a unha subvención concedida a esta Fundación en 2009. Neste senso, o deputado autonómico e voceiro de Educación no Parlamento galego, Vicente Docasar, denuncia que a administración autonómica “non para de castigar á comunidade educativa. Unha vez máis demóstrase que emprega a crise para facer un axuste de tipo ideolóxico. Primeiro suprime por vontade propia este programa e agora reclámalles unha axuda concedida. Isto é inaudito e inadmisible”.
Deste xeito, o deputado autonómico critica, unha vez máis, que “non só non entenderon ou non quixeron entender” este programa pioneiro na provincia, que desempeñou “un extraordinario labor” durante máis de 35 anos, contando coa mellor valoración tanto dos usuarios como das institucións que ó longo do tempo teñen colaborado con esta Fundación, senón que agora “pásanlles a factura por un traballo que foi imprescindible en Lugo”.
O deputado socialista considera que esta iniciativa supuxo unha experiencia de atención á infancia “orixinal, pioneira, vertebradora e cen por cen autóctona”, polo que é “inadmisible que agora lles pidan estes cartos, despois de ser a propia Xunta a que decidiu eliminar de cheo este programa, considerado un referente fóra de Galicia”.
“A Xunta non se entera”
Así mesmo, Vicente Docasar subliña que “a Xunta de Galicia non se entera” ó enviarlle a notificación persoal á sede desta Fundación, cando “foi desmantelada pouco despois do peche definitivo”.
O socialista subliñou que isto demostra “a incompetencia máis absoluta” da Conselleira de Traballo. A este respecto, indicou que “esta actitude non nos sorprende logo de ver como a propia responsable deste departamento declinou comparecer no debate da Iniciativa Lexislativa Popular que os socialistas levamos ó Parlamento en decembro de 2012, e que foi respaldada por 2.000 persoas”. Por elo, Docasar repróchalle ó Goberno galego que se gabe de querer defender e apoiar o rural, cando a maior parte das medidas que se levan a cabo, van xustamente na dirección contraria.
Traballo da Deputación de Lugo
Así mesmo, o socialista loubou o traballo doutras administracións como a Deputación de Lugo, que malia non ter competencias na materia, si que amosou un forte compromiso con este colectivo. Precisamente, o organismo provincial, presidido polo líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, as¡nou en maio de 2012 un convenio de colaboración con esta Fundación, a través do cal o organismo provincial achegou 65.000 euros para garantir que 737 nenos e nenas da provincia e as súas familias, o 91% procedentes das zonas rurais, seguisen recibindo estas ensinanzas gratuítas e de calidade que ofrecía este programa educativo o pasado ano.
Deste xeito, a institución luguesa aumentou nese ano nun 25% as súas axudas a Prescolar, mentres que a Xunta reduciu a cero a súa achega, o que obrigou a destruír 11 postos de traballo e atender a 1.000 familias menos en Galicia. “A Xunta é a administración que ten competencias na materia, é obriga desta administración garantir a igualdade de oportunidades educativas, acabando coas diferenzas entre zonas rurais e urbanas, pois se tan importante é levar ó rural a telefonía e a internet tal e como anunciaba estes días o seu Presidente, máis o é a Educación”, destacou Docasar.
Segundo datos oficiais de Prescolar na Casa, a anulación da subvención por parte da Xunta -500.000 euros- conlevou recortes no seu servizo. No último ano, estaba presente en 195 Concellos galegos, é dicir, no 62% do total. No caso da provincia, o programa atendeu ata 2012 o 85% dos municipios lugueses, é dicir, prestou o seu servizo a un total de 57 municipios. Anteriormente a este exercicio, cubría case a totalidade, 65 dos 67 Concellos da provincia, todos agás Negueira de Muñiz e Ourol debido á ausencia de demanda.
“Os gobernos do PP dilapidaron a Educación”
Os recortes aplicados polos gobernos do Partido Popular, sumados á Lei Wert, sacrifican claramente a calidade educativa e “converten o ensino nun privilexio, só ó alcance de quen o poida pagar”. Proba delo, reiterou o voceiro de Educación na Cámara galega, é que 7.000 familias de Lugo vense obrigadas a pagar este ano polo comedor escolar, un 31% máis que en cursos anteriores. Destas 7.000, máis de 4.000, teñen que abonar 100 euros mensuais para que os seus fillos poidan comer ó mediodía. “E para que fai isto a Xunta de Galicia? para facer caixa. Saben canto vai recadar Feijóo só na provincia de Lugo con estes 100 que lles cobra ás 4.000 familias durante os 9 meses do curso académico? 3.600.000 euros por un servizo que ata o de agora era gratuíto. Isto é inaudito”, concluíu.
Ademais, o Partido Popular, tal e como lembrou o voceiro de Educación, é o responsable de que hoxe a provincia conte con 49 aulas e 67 mestres menos que hai 2 anos; de que haxa 546 docentes universitarios menos, retrocedendo a niveis de 2005; de que se eliminasen 5 centros e 72 unidades de ensino dende 2010; de que os nenos de Ribeira de Piquín viaxen dúas horas ó día para estudar en Meira; de que a Consellería obrigue a un rapaz de Guitiriz a facer un percorrido en autobús de 2 horas cando ten o colexio a 15 minutos; de que en Samos haxa os mesmos profesores para alumnos de 9 cursos diferentes; de que en Cervantes un mestre deba atender a rapaces de 5 idades distintas; de que catro Concellos da Montaña lucense -Samos, Cervantes, Navia de Suarna e O Incio- se quedasen este curso sen 5 profesores especializados en Infantil; de que os alumnos do Colexio de Educación Especial Infanta Elena de Monforte teñan que abandonar o centro cando cumpren os 21 anos, levando ás familias a unha total desesperanza; e de que se siga sen garantir o mantemento do IES As Mercedes cando é o centro de referencia para o sur da provincia.

















O venres descubrirase a placa que oficializa o nomeamento da Biblioteca Municipal co seu nome, dentro da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, que busca divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028. O programa inclúe unha exposición, a lectura dun manifesto e unha conferencia. O sábado entregarase no Auditorio o IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. Rouco destacou a importancia de visibilizar a figura do autor e convidou a veciñanza a participar nos actos.
As nenas e nenos coñeceron o proceso de moenda e levaron unha mostra de fariña. García destacou a importancia de achegar a realidade do rural á infancia e agradeceu a colaboración das granxas, ANPAS e centros educativos. O Muíño de Coea é unha das novas incorporacións a un programa que este ano inclúe 210 actividades e chega a máis de 6.000 escolares de 74 centros da provincia.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



