Os Deputados autonómico, José Ramón Val, e provinciais, Lara Méndez e Alfredo Llano, denunciaron este xoves que, cos Orzamentos que o Estado destinará á Mariña en 2014, “o Goberno de Rajoy castiga a cada un de nós, e a todos os mariñanos, polo que só servirán para crear máis paro e máis desigualdades”. Así mesmo, indicaron que “non supoñen un maior investimento para a Comarca, senón que son os máis restritivos da historia”.
Os socialistas recoñeceron que “nos doe moito abrir estes días a prensa e ver como o Goberno de Rajoy se felicita polas contas cando inclúen unha redución do 76% con respecto a 2013. Deste xeito, lembraron que, mentres que este ano Fomento destinou máis de 70 millóns de euros á A-8 e ó Corredor, o vindeiro exercicio estas dúas infraestruturas –as únicas que reciben fondos do Estado- apenas contarán con 17 millóns. É dicir, “para o PP, o que ten, pódeo todo. E o que non ten, irá de mal en peor. Dende que goberna a dereita, ano tras ano, diminúe a inversión na comarca”.
Os datos son preocupantes e alarmantes, sobre todo, porque a Mariña supón o 22% da poboación de toda a provincia; unha porcentaxe elevada, pero que, sen embargo, semella non ser prioritaria para o Goberno. Neste senso, lamentan que o mes de setembro se pechase con máis de 5.000 parados en toda a Mariña, o que supón case o 20% do número total de desempregados rexistrados na provincia. “Con estas contas que nos acaba de presentar o Estado, que nos explique o Goberno cómo pretende reducir as baixas na Seguridade Social que di que vai facer?, engadiron os tres deputados socialistas.
A principal vía que ten a administración para crear emprego é investindo en obra pública. Pero, se os Gobernos non constrúen, non hai emprego, nin se impulsa a economía. Por iso, para o deputado autonómico “son os orzamentos do castigo, non os da recuperación”.
“Non permiten a axilización de obras vitais”
José Ramón Val criticou que os dous treitos da A-8 que están en execución (Lindín-Carreira de 9,3 kms, con 6.912.000 euros, e Mondoñedo-Lindín de 4,7 kms con 10.996.000 euros) figuran como as últimas anotacións de Fomento para esta obra.
Por outra banda, lamentou que o Goberno do Estado tan só destine 100.000 euros á licitación do proxecto da Vía de Alta Capacidade entre Barreiros e San Cibrao; “unha cantidade irrisoria para unha infraestrutura que, dende hai 4 anos, repito 4 anos, ten 8 tramos pendentes de licitar dos dez que ten todo o trazado”.
Deste xeito, Val considera que “alá vai outro ano perdido… Que máis lle dá ó Goberno de Rajoy que se perda outro ano en revisionismos. O que está claro é que é unha cantidade insuficiente, que nin tan sequera abarca a totalidade do proxecto. É inadmisible e inxustificable que esta infraestrutura, que é un dos principais cuellos de botella da provincia, non entre nas previsións dos Gobernos do Partido Popular. E isto non o dicimos nós, xa o dixo no seu momento o señor Aja quen recoñeceu que as obras están paradas por falta de cartos”.
“Non inclúen proxectos novos” e para os sectores produtivos, “nada de nada”
Tendo en conta que as partidas se destinan principalmente a proxectos iniciados polo Goberno Socialista -A-8 e Corredor-, o deputado autonómico subliña que “con Rajoy imos a menos en todo. O único que aumentou co Goberno do PP foron a débeda e as cifras do paro. Ou é que o presidente do Goberno se esquece que foi o PSOE o que impulsou as que son as principais arterias de comunicación da Mariña coa cornixa Cantábrica?” Así mesmo, engadiu: “esta é a política de brazos caídos que está a levar a cabo o Goberno de Rajoy, refrendada en Galicia polo señor Feijóo, e na que os grandes prexudicados somos os veciños. Esta é a desfachatez do Partido Popular, que lle venden ós cidadáns que estes son os Orzamentos da recuperación cando a realidade é que estas contas nin fomentarán o crecemento nin o emprego o vindeiro ano. Se non se constrúe, nin se inviste, non hai emprego, e, por tanto, non hai saída á crise”.
Así mesmo, os socialistas denunciaron que nos Orzamentos non exista ningún compromiso cos sectores produtivos. “Preguntámoslle ó señor Rajoy que pasa coa gandería, coa pesca… os principais motores económicos da Mariña e que máis emprego xeran na comarca. A potenciar estes sectores… nin un só euro: nada de nada. Os presupostos do Goberno son un papel mollado que, como di a palabra, unha vez mollado, non serve para nada”.
Rajoy e Feijóo “non fan o que anuncian ano tras ano”
Os gobernos do Partido Popular están adoptando unha estratexia clara de obstrución da Mariña, tal e como subliñou Lara Méndez, “o que nos leva a pensar -sen ser mal pensados- que estamos ante un Goberno sen vontade para realizar obras, sen vontade para crear postos de traballo. Feijóo aplica en Galicia o que lle di Rajoy en Madrid. Dende que os dous presidentes chegaron ó goberno, a Mariña foi e segue estando ausente para o PP”.
Neste senso, a socialista sinalou que, ademais do escaso esforzo inversor que realiza o Estado hai que sumar a falta de compromiso da Xunta de Galicia, o que, sen dúbida, está a dificultar o desenvolvemento económico desta comarca, que representa un terzo do Produto Interior Bruto da provincia.
O Goberno de Feijóo segue tendo paralizados investimentos nesta zona por valor de preto de 80 millóns de euros, ou o que é o mesmo, máis de 13.000 millóns das antigas pesetas. Ademais do Corredor San Cibrao-Ferrol, Lara Méndez reparou nos accesos ó porto de Burela, pedíndolle ó Executivo galego que retome os traballos canto antes, ou pola contra, que explique o motivo de tal retraso, xa que o proceso xudicial que impedía o inicio está resolto. A este respecto, indicou que se trata dunha “situación inaudita, polo que non sabemos como teñen a desfachatez de anunciar ano tras ano obras que non se fan, o que nos impide falar de actuacións novas”. Des xeito, Lara Méndez indicou: “cómo van a meter nos Orzamentos proxectos novos cando non están a acometer os que anuncian ano tras ano. Esta é a realidade que vivimos e esta é a realidade que imos seguir vivindo se a Xunta de Galicia non cumpre os seus compromisos”.
“Como pode ser que o Goberno de Feijóo só fose capaz de consignar este ano 20.000 euros para esta obra, cando é un dos portos de maior volume de operación dentro dos adscritos á Comunidade Autónoma, e cando o acceso actual se realiza polo centro do núcleo urbano, ocasionando graves molestias e incluso graves riscos tanto para os usuarios do porto, como, en xeral, para os cidadáns do propio núcleo urbano de Burela? A ver que fai o señor Feijóo o vindeiro ano porque, ou moito nos equivocamos, ou cremos que os orzamentos de 2014 irán pola mesma liña.”
A terceira infraestrutura que o Goberno da Xunta mantén paralizada é a estrada que vertebra os Concellos da Pontenova, A Pastoriza, Riotorto e Mondoñedo, e na que é urxente acometer obras que melloren o seu trazado, xa que é a vía de comunicación destes concellos coa autovía do Cantábrico e, por medio dela, co resto de estradas de alta capacidade que comunican o noso país.
A parte de ser a arteria principal que une estes catro municipios e a unha poboación de máis de 12.500 persoas que neles habitan, tamén pode significar, indicou a deputada provincial, unha aposta clara pola Galicia interior, polo reequilibrio territorial e polo impulso decidido por unha zona do nosa provincia que vén padecendo serias tensións demográficas, polo que “os socialistas voltamos a pedirlle a Feijóo que acometa con urxencia as obras”.
A ampliación do Hospital, parada pese a que Feijóo a anunciou 5 veces
A cuarta actuación para a que os socialistas demandan a actuación urxente do Partido Popular é a ampliación do Hospital da Costa, xa que se trata dun asunto de primeira necesidade para que preste unha atención sanitaria de calidade a todos os mariñanos, e que foi anunciada ata en cinco ocasións polo presidente da Xunta.
Neste senso, lamentaron que o goberno de Feijóo só achegase este ano 283.662 euros para o seu Plan Director, cifra que é sensiblemente inferior ós 527.000 euros que estaba previsto que ía recibir e que está moi por debaixo do millón de euros que estaba previsto investir en 2010.
“Os Gobernos do Partido Popular están presididos pola absoluta incompetencia e pola falta de compromiso coa Mariña. Empregan como escudo a austeridade e os recortes, pero repetimos: sen investimento e sen prazos, non hai realidade. Coa dereita, temos máis paro, menos inversión, menos obras, menos mestres, menos médicos -todos sabemos o que pasou en Ribadeo, Cervo e Xove-, e unha peor sanidade. Esta é a única realidade. Os gobernos do Partido Popular pódennos seguir maquillando os datos, pero verdade só hai unha: a que acabamos de dicir”, concluíron.

















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.



