A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG convocou para o vindeiro 26 de outubro un congreso extraordinario en Lugo co fin de elixir novo secretario xeral e executiva do partido na provincia. A data do encontro está a ser comunicada durante o día de hoxe a todas as agrupacións locais dos 67 concellos lucenses.
Tras o nomeamento de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral dos socialistas galegos o pasado domingo, o PSdeG provincial de Lugo atópase nunha situación extraordinaria con respecto ó resto das provincias galegas, coa secretaría xeral e a executiva vacantes, polo que o partido fixou coa maior celeridade posible o encontro para elixir novos cargos orgánicos de dirección. O obxectivo é que Lugo conte canto antes cunha nova executiva para “para seguir dando resposta ós problemas dos veciños da provincia, que están a ser castigados pola dereita máis fría, dura e insensible ó desmantelar todos os fundamentos do Estado de Benestar”.