Foz, 9 de outubro de 2013. Foz acollerá a vindeira fin de semana, os días 11 e 12 de outubro, a Festa do Mexillón na que participarán preto dunha trintena de locais hostaleiros.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos, José Carlos Paleo manifesta que “estamos traballando en varias citas gastronómicas e a primeira que facemos coincidindo coa ponte festiva do Pilar é a festa do mexillón”. Os mesóns, bares e restaurantes participantes servirán tapas elaboradas con este bivalvo ao prezo dun euro.
Os establecementos son: A Funcional, A Maseira, A Rula, A Viña, A Bolera, Acuario, Oíche, Llas, Dallas, Express, May-Ros, Xoima, Anduriña, Casa da Roxa, Fina, Portovello, O Norte, Leyton, O Tangarte, O Tangarte Mariñeiro, pizzería Xoiña, As Brasas, Costumes do Mar, Dandy, O Lar e O Mar.
Ademais todas aquelas persoas que estes días fagan as súas compras nos establecementos asociados obterán tickets gratuítos para participar nunha visita guiada á Basílica de San Martiño. Paleo lembrou que “a primeira desas viaxes, que se farán en autobús, terá lugar o sábado, 12 de outubro, e despois haberá outras dúas o 2 de novembro e o 7 de decembro. Segundo explica o presidente de ACIA Foz, José Carlos Paleo, “a saída farase ás 11:30 da mañá desde a praia da Rapadoira, pasando ás 11:40 polas inmediacións da Casa do Concello. A volta desta interesante viaxe para promocionar o noso patrimonio cultural será ás 13 horas”.
ACIA Foz e Concello queren deste xeito potenciar e rentabilizar os recursos propios do noso concello. De aí que aproveiten as vindeiras pontes festivas para que aqueles que visiten Foz poidan achegarse a disfrutar do seu rico patrimonio cultural, como é neste caso a Basílica de San Martiño.
A iniciativa de ACIA Foz podería realizarse tamén durante o vindeiro verán coa colaboración do Concello.