Barreiros, 18 de novembro de 2013. O Concello de Barreiros organiza un curso de autodefensa, unha sesión fotográfica, unha representación teatral e unha concentración para conmemorar do día internacional para a eliminación da violencia de xénero.
O vindeiro domingo, 24 de novembro, no centro sociocultural, xuvenil e da terceira idade Manuel Díaz Sampedro, de San Cosme de Barreiros, desenvolverase un curso de autodefensa no que cada participante deberá pagar 2 euros na propia actividade. Será de 16 a 18 horas. A continuación haberá unha sesión fotográfica contra a violencia de xénero e para as 20 horas está programada unha representación teatral a cargo do grupo O Batán, de Cangas de Foz, que ofrecerá a obra titulada Cambadelas.
Xa o luns, 25 de novembro, ás doce do mediodía na Praza do Concello de Barreiros terá lugar unha concentración na que se lerá un manifesto e gardarase un minuto de silencio.
Estes actos están organizados polas concellerías de Sanidade e Servizos Sociais e de Familia e Muller e pola asociación Vea.