Remata a quinta edición do Video-forum Mulleres no Mundo coa proxección da película exipcia El Cairo 678, de Mohamed Diab. Cinco anos nos que cada outono o Observatorio, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, achega á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais moitas veces afastados e distantes. Máis de vinte películas proxectadas de diversas partes do mundo (Israel, Afganistán, Irán, Francia, India, Líbano, Serbia, Senegal, Ecuador, EE.UU, Arxentina, Perú, Bosnia Herzegobina, Canadá…) que deron lugar a interesantes debates e que, sobre todo, permitiron coñecer o traballo de importantes directoras de cinema, moitas veces descoñecidas, e a realidade de mulleres moi diversas.
Cunha media de asistencia de 30 persoas por película, este V Video-forum Mulleres no Mundo resultou ser o máis europeo de todos, xa que das catro películas proxectadas tres eran europeas. Asimesmo, a metade delas estaban dirixidas por mulleres para cumprir así un dos obxectivos do Observatorio, o de mostrar e visibilizar o traballo das directoras de cinema. E ao igual que nas últimas edicións, por mor da boa acollida e co obxectivo de crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos, o formato foi o do café-debate, repartindo o Observatorio gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes que o quixeran, para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.
El Cairo 678, de Mohamed Diab, será a película que este xoves 28 de novembro, ás 19.00h, peche o V Video-forum Mulleres no Mundo. Baseada en feitos reais, narra a historia de tres mulleres exipcias que tras sufrir acoso sexual, chegan á conclusión de que teñen que defenderse polos seus propios medios, xa que non poden contar coa protección das autoridades. Isto as levará a tomar algunha medida que espertará, ao mesmo tempo, admiración e recelo en todo o País.
Recordamos que todas as sesións do V Video-forum Mulleres no Mundo están guiadas por socias do Observatorio. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora é a condutora das reflexións do grupo.
O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.






















López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
A actividade conta coa colaboración do Concello.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.



