Compostela, 19 de novembro de 2013. Tras a xuntanza mantida este martes en Compostela polos representantes da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, os alcaldes nacionalistas de Riotorto e San Sadurniño, Federico Gutiérrez Estoa e Secundino García Casal, e a secretaria nacional da CIG Saúde, Mª Xosé Abuín Álvarez, coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, o alcalde de Riotorto declarou que “saímos decepcionados desta xuntanza que non serviu absolutamente para nada máis que para que o goberno da Xunta ratificase a súa postura de manter cobrando un imposto á enfermidade dos pacientes crónicos galegos.
“A xuntanza foi decepcionante e insatisfactoria, pero entraba dentro do previsible xa que non se pode agardar ningunha solución positiva por parte dun goberno que nos demostrou en reiteradas ocasións que o que menos lle importa son as persoas” – resumiu Estoa.
Para o alcalde de Riotorto, “o único que sacamos de proveito desta reunión é coñecer con exactitude canto lles vai cobrar a Consellaría de Sanidade aos enfermos crónicos do noso país por querer aplicar punto por punto e letra por letra o Decreto máis lesivo que se ten aprobado nos últimos anos, un decreto que supón un imposto á enfermidade que non se xustifica desde a perspectiva do aforro nos orzamento públicos e que supón a ruptura de todas as liñas vermellas no que respecta á gratuidade, e polo tanto á universalidade da Sanidade, e que ademais conta co rexeitamento de toda a sociedade. Tiñan nas súas mans decidir non aplicar o repagamento pero decidiron seguir adiante. Nós, polo tanto, non nos imos deter tampouco e mentres non se consiga que a Xunta dea marcha atrás na súa decisión de aplicar o repago aos galegos e galegas enfermos crónicos a batalla social non se deterá”.
“A Conselleira limitouse a dicirnos que en Galiza “A Xunta vai cumprir a resolución que aprobou o goberno de España e a xustificar en base á homoxeinización, á xestión e á sostibilidade do sistema sanitario, aínda recoñecendo a que o aforro para as arcas públicas con esta medida é inapreciable, a implantación dos repagos. Pola nosa banda manifestamos que en base aos argumentos que nos expuxeron é evidente que a decisión da Xunta de Galiza responde a criterios estritamente ideolóxicos cos que se pretende que a saúde dos galegos se converta en nada máis que un negocio para deixar de ser un servizo público de vital importancia e un dereito fundamental dos cidadáns”, – afirmou Gutiérrez Estoa.
Por último o Alcalde de Riotorto manifestou que “en vindeiras datas a xestora da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade reunirase para decidir as medidas concretas a tomar para retomar a batalla social e obrigar ao Partido Popular a dar marcha atrás nas súas políticas inhumanas, indignas e inxustas que cargan sobre os máis desfavorecidos o custe dunha crise da que non teñen ningunha responsabilidade”.