Lugo, 13 de novembro de 2013.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, acompañado da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, asistiu este mércores á presentación da acción formativa da campaña autonómica ‘Mira que te miren’, que tén como obxectivo reducir e previr atropelos nas estradas galegas. A sesión práctica desenvólvese no salón de actos da Axencia Tributaria na capital luguesa e está dirixida pola propia xefa de Tráfico e a coordinadora de Educación Vial da Xefatura Provincial, Sara Fuenteseca.
A xornada senta as bases das accións formativas que se desenvolverán nos municipios a través dos axentes colaboradores da campaña: Garda Civil, Protección Civil e Policías locais, principalmente. Para que estes poidan desempeñar a tarefa coa máxima efectividade, a Dirección Xeral de Tráfico programou xornadas nas catro provincias galegas. Na provincia de Lugo, a primeira sesión foi esta tarde e a próxima celebrarase o vindeiro luns, 18 de novembro, tamén na capital luguesa. Nesa mesma semana impartirase outra en Foz. Nestas xornadas de formación de formadores prevese a participación de representantes dos concellos de Abadín, Alfoz, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Burela, Castro de Rei, Cervantes, Cervo, Cospeito, Folgoso do Courel, Guntín, Láncara, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monterroso, Navia de Suarna, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Ribadeo, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Triacastela, Vilalba, Viveiro e Xove.
No transcurso das sesións, a DXT fixo entrega de chalecos reflectantes, facilitados pola Xunta de Galicia, para a súa posterior distribución entre a cidadanía asistente ás charlas de sensibilización. De igual xeito, estableceuse a colaboración do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo con aqueles concellos que non dispoñen de persoal suficiente para levar a cabo a campaña.
Concienciación de peóns
O curso de formación de formadores da DGT celebrado hoxe en Lugo céntrase na concienciación tanto de peóns como de condutores ante os atropelos nas estradas galegas, que teñen unha maior incidencia nos meses do ano con menos horas de luz e peores condicións meteorolóxicas. De feito, segundo as estatísticas da Dirección Xeral de Tráfico, os meses de outono e inverno acumulan o 61% dos falecidos por atropelo en Galicia.
A poboación obxectivo desta campaña é a dos maiores de 65 anos, posto que a ela pertencen o 59% dos peóns falecidos dende o ano 2007 en Galicia. En cifras absolutas, o ano pasado rexistráronse 19 vítimas mortais por atropelo na comunidade galega, 4 delas en Lugo. No que vai deste ano, rexistráronse 2 vítimas na provincia.
A campaña combina as accións formativas a través de charlas aos diferentes usuarios da vía con accións preventivas, entre as que destaca tamén a labor de concienciación por parte dos axentes da agrupación de Tráfico da Garda Civil en vías interurbanas e zonas rurais. Fundamentalmente, prestarase atención a aquelas condutas que puideran cometer peóns e condutores que xeren riscos de atropelo e a aquelas condutas pouco seguras dos peóns, incidindo nestes últimos para que modifiquen os seus hábitos e reduzan os riscos de seren atropelados.
En relación aos peóns, está previsto o reparto na Comunidade Autónoma duns 20.000 chalecos reflectantes cedidos pola Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso deste elemento de seguridade.