Foz, 29 de novembro de 2013. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, destacou este venres o labor realizado na primeira rolda de traballo sobre o plan urbanístico por parte dos técnicos municipais, os redactores do documento e a comisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Pero critica ao BNG por colocar carteis contra o PXOM en vez de colaborar para intentar melloralo.
“Dende o equipo de goberno valoramos moi positivamente a primeira rolda de traballo entre os técnicos municipais, os redactores do Plan Xeral de Ordenación Municipal e os membros da comisión do PXOM que engloba a todos os grupos de traballo creados no seu momento, que representan a todas as parroquias do municipio, ao núcleo urbano e aos barrios periféricos de Foz. Están facendo unha labor importante á hora de traballar sobre o documento inicial, que está exposto ao público ata o 17 de decembro. Estanse aportando moitas cousas interesantes, que poden chegar a bo fin e que van mellorar o documento inicial presentado. Hai un bo clima de traballo. Polo tanto quero felicitar a todos aqueles que están tomando isto con seriedade”, manifestou hoxe Javier Castiñeira.
O rexedor municipal engadiu que “non se pode dicir o mesmo, dende logo, do Bloque Nacionalista Galego, xa que nos parece vergonzosa a súa actitude absolutamente desleal e de carroñeros políticos. Nun documento que está en exposición ao público, no que hai que traballar, o único que tratan de buscar é carroña política e intentan tombar o plan. Xa sabemos que todas estas pancartas e carteis que puxeron e que afean o pobo son obra do de sempre, do señor das pancartas e do megáfono: o señor Ermida, ao que lle gusta moito iso. E agora como ten acceso a tanto financiamento haberá que preguntarse quen paga eses carteis. Parécenos vergonzoso que o Bloque Nacionalista Galego estea actuando por conta propia, fóra da comisión do PXOM da que forma parte e na que non colabora para nada. Unicamente se dedican a criticar o plan e a sacar pasquíns, actitude que nos parece vergonzosa nun documento tan importante para Foz. Eu diríalles que se poñan a traballar, que se deixen de neneces, de megáfonos e pancartas e que veñan aquí a falar cos técnicos, que lles explicarán o mesmo que ao resto dos compañeiros da comisión”.
Castiñeira rematou explicando que “evidentemente o documento é mellorable, así o vamos facer e para iso está a exposición pública e atenderase todo aquilo que sexa posible. Pero non vamos baixar as orellas ante un grupo como o BNG, que está intentando buscar, coma voitres, carnaza política nun plan xeral que é de absoluto interese para o concello de Foz”.