Lourenzá, 13 de novembro de 2013. O Concello de Lourenzá porá en marcha un plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, que se someterá a aprobación no pleno da corporación municipal convocado para este venres, día 15, ás 12:30 horas. Na sesión abordarase tamén a imposición de multas aos que non recollan os excrementos das súas mascotas en espazos públicos.
O plan de igualdade está previsto para desenvolver entre este ano e o 2016 e a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou hoxe que o obxectivo desta iniciativa “é adaptarnos e dar resposta á realidade específica que está vivindo a sociedade galega de principios do século XXI, que está en constante cambio e evolución, e concretamente a realidade que desgraciadamente aínda temos en desigualdades de xénero entre homes e mulleres, tamén no noso termo municipal”.
A rexedora engadiu que “coa presenza deste plan de igualdade o queremos é dar un paso máis neste longo camiño que supón a loita para acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes. Aínda que no Concello xa se veñen a desenvolver diferentes actividades neste senso sempre consideramos que é preciso o compromiso de toda a cidadanía e especialmente da Administración para promover e implantar medidas que sexan axeitadas, a través das cales accedamos a vivir nunha sociedade na que todas as persoas teñamos as mesmas obrigas e os mesmos dereitos, sen que repercuta para nada se somos homes ou somos mulleres. O municipio, pola súa proximidade aos cidadáns, consideramos que é o marco privilexiado para desenvolver programas dirixidos a dar resposta a esta situación”.
Emma Álvarez destacou que o plan “está dividido en catro áreas: benestar social e saúde; formación, emprego e inserción laboral; educación, corresponsabilidade e conciliación; e abordaxe integral da violencia de xénero” e comentou que no concello de Lourenzá “somos a día de hoxe 2.348 habitantes, dos cales 1.222 son mulleres e 1.126 homes”.
A alcaldesa especificou que na área de benestar social e saúde “o obxectivo principal é o acceso á información e aos recursos da área social canalizándoa cara a toda a sociedade en xeral e concretamente ás mulleres”. No apartado de formación, emprego e inserción laboral “o obxectivo principal é favorecer a inserción laboral das mulleres do concello eliminando as barreiras que dificulten a súa plena incorporación”. Na área de educación, corresponsabilidade e conciliación “queremos fomentar a educación á cidadanía e a corresponsabilidade de homes e mulleres na asunción de tarefas habituais da vida familiar e no coidado de fillos ou dos ascendentes”. E no cuarto apartado “o obxectivo xeral será previr e abordar a violencia de xénero dende as súas diferentes causas, tipoloxías, manifestacións e consecuencias, así como garantir a asistencia e a protección ás vítimas con actuacións de carácter integral. Este é un ámbito moi delicado e no concello de Lourenzá afortunadamente non temos constancia de que exista, pero igual tiña que dicir desafortunadamente porque tal vez existe pero non o coñecemos. Por iso queremos ser máis próximos ás mulleres e tamén aos homes para que denuncien estes casos de violencia de xénero e para poder actuar con todos os medios posibles tanto o Concello como a Xunta e tamén a Garda Civil, se é necesario”.
Excrementos de animais en espazos públicos
No pleno da corporación de Lourenzá deste venres abordarase tamén fixar “as sancións para aqueles donos de animais de compañía que non recollan das vías e espazos públicos os excrementos das súas mascotas que saian a pasear á rúa. Neste caso considerarémolo como unha falta leve e a sanción que se podería impoñer iría de 30 a 180 euros”, explicou a rexedora municipal.






















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



