“En vista do estado actual que presenta a estrada que vai de Fazouro a San Acisclo, que ten numerosas árbores a ambas beiras a piques de caer sobre a mesma, co conseguinte risco de ocasionar algunha desgraza, sobre todo nalgúns dos seus tramos, coma por exemplo á altura de Teixeira na parroquia de San Acisclo”; o grupo municipal socialistou no Pleno do pasado xoves unha moción de urxencia instando á Xunta de Galicia a manter dun xeito axeitado a estrada entre as parroquias de Fazouro e San Acisclo.
Tal como explicou a voceira, Rosa Pérez Gradaílle, “dende o Grupo Municipal Socialista focense consideramos urxente que a Xunta de Galicia, xa que non é capaz de rematar de aglomerar esta estrada, como xa solicitamos no Pleno do pasado mes de xullo, polo menos se encargue de mantela nunhas condicións aceptables, garantindo a seguridade dos seus usuarios.”
Por este motivo, o Grupo do PSdeG-PSOE no Concello de Foz presentou ante o Pleno Municipal o pasado xoves esta moción, instando á Xunta de Galicia para que, a través da Consellería de Medio Rural ou do organismo competente, leve a cabo, canto antes, as accións necesarias para garantir o axeitado mantemento da estrada que une as parroquias de Fazouro e San Acisclo, procedendo a cortar as árbores que se atopan a piques de caer a ambas marxes da mesma, ocasionando un perigo para os seus usuarios. Iniciativa que foi aprobada por unanimidade dos concelleiros presentes na citada sesión.