Os deputados autonómicos, Juan Carlos González Santín e José Ramón Val, acompañados da Vicepresidenta Segunda da Deputación e voceira municipal do PSOE en Cervo, Lara Méndez, e do deputado provincial, Alfredo Llano, mantiveron este mércores unha xuntanza cos representantes do comité de empresa da fábrica de Sargadelos, co obxectivo de buscar fórmulas que garantan a viabilidade de dita factoría, e de que o goberno galego explique detalladamente a que destinou o millón de euros concedido a esta entidade en 2010 (400.000 a fondo perdido e 600.000 a través dun préstamo participativo). Deste xeito, os socialistas anunciaron que presentarán sendas iniciativas no Parlamento galego e no Senado para que a Xunta de Galicia e o Estado poñan en marcha na Mariña un plan de emprego que permita reactivar o tecido económico-produtivo desta zona.
“Estamos con cada un dos traballadores afectados. Queremos que se nos diga en que se empregaron estes cartos. 1 millón de euros é unha cantidade o suficientemente importante como para que a Xunta de Galicia saiba a que a destina porque queremos pensar que o Goberno de Feijóo ten algún control…”, destacaron os deputados autonómicos.
A voceira municipal socialista deste Concello, Lara Méndez, esixiu que “teñen que posicionarse, pois son moitas as familias as que se verán perxudicadas. Hai que pensar que o 90% da plantilla son mulleres e que esta empresa non só xeraba emprego senón que, ademais, era un dos reclamos turísticos da Mariña a nivel nacional. Por iso, se se producen os despedimentos, todo o valor engadido que se xerou ó longo destes anos co funcionamento desta factoría na comarca desaparecerá de cheo”.
Pola súa banda, Alfredo Llano subliñou que “é lamentable que os cartos se xestionasen deste xeito. Unha fábrica que só na Mariña chegou a ter ata 130 traballadores, e que cada ano é visitada por centos de persoas, non pode estar nesta situación”.
Negociar si, despedimentos non
Os socialistas coincidiron en sinalar que, tendo en conta que xa está aberto o periodo para as negociacións, é necesario “sentarse e buscar unha fórmula que garanta o mantemento desta xente. Isto non é só unha cuestión económica, senón que estamos falando doutro tipo de sensibilidades”. Neste senso, os deputados autonómicos apuntaron que “estas son as consecuencias da reforma laboral, pois a ausencia de acordo non impide que a dirección da empresa leve a cabo a redución da plantilla”, concluíron.
A plantilla da Mariña, ó 50%
A dirección de Sargadelos ten previsto despedir a 70 dos 172 traballadores, sendo a fábrica de Cervo a máis perxudicada. No caso da planta de San Cibrao, contémplase a rescisión do contrato de 41 dos 80 empregados que en total ten a entidade e, na de Sada, 29 dos 83 existentes. Trátase, pois dunha drástica redución de persoal que pon en risco a esencia dunha factoría na que se seguen elaborando as pezas de unha en unha.
Os directivos da empresa xa comunicaron ós empregados que non queren negociar cos comités por separado, como se fixo cos catro ERES anteriores, dos que tres foron temporais e o cuarto de redución de xornada. As dúas fábricas encadenaron este ano o cuarto exercicio consecutivo en perdas, cuns resultados negativos no seu conxunto de case 270.000 euros, desplomándose así as vendas anuais ata un 20%.
Outra empresa máis que pode “colgar o cartel de pechado”
Deste xeito, os socialistas lamentaron que, debido a unha mala xestión por parte da Xunta de Galicia, esta empresa se poida ver obrigada “a colgar tamén o cartel de pechado”, ó igual que o fixeron con anterioridade outras entidades importantes para o tecido socioeconómico e produtivo da Mariña. “Xa nos chegou con Muebles Hermida, ECAR ou o Grupo Mon. Para os veciños resulta difícil entender como, neste momentos difíciles, puido pechar unha empresa como a mindoniense, que non tiña problemas económicos, que estaba sendo rendible e que tiña unha alta produtividade, e simplemente foi por algunha cuestión relacionada coa deslocalización dos seus centros de traballo”. Neste caso, a Xunta tampouco se puxo de lado dos traballadores. O ERE aplicado afectou a 62 empregados. Polo que respecta a Muebles Hermida, a redución incluíu o despedimento de 75 persoas.
Ante esta crítica situación que atravesa a comarca, os socialistas coincidiron en sinalar que “é necesario un plan de recuperación do emprego e da actividade económica da Mariña, a apertura de liñas de financiamento específicas a conta do IGAPE para todos aqueles autonómos e PEMES da comarca que se atopan atrapados en concurso de acredores, e que, como consecuencia dos mesmos, a súa viabilidade está en risco, así como un plan de choque que fomente o consumo a fin de evitar o peche de centos de pequenos negocios existentes en toda a comarca”. Neste senso, anunciaron que estas peticións serán levadas ó Parlamento e ó Senado para que “a Xunta e o Estado adopten medidas urxentes que freen o declive da Mariña”.



















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



