Santiago de Compostela, 08 de novembro de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista acusou hoxe ao PP de “abandonar á flota de cerco” precisamente cando atravesa “un dos peores momentos da última década”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Pesca para reclamarlle á Xunta garantir o futuro das mais de 153 embarcacións e 1.000 traballadores desta especialidade, que foi rexeitada polo PP.
Val sinalou que a falla de cota de pesca en especies de alto valor comercial como a xarda ou o bocarte, a escaseza de especies obxectivo desta flota como a sardiña ou o baixo valor comercial doutras como o xurelo están a poñer ao sector “contra as cordas”. Explicou que estes factores, xunto coa falla de criterio común na limitación de capturas e xornadas de traballo con outros territorios provocan unha grave desigualdade.
Así, explicou, mentres en Portugal o límite de captura de sardiña establécese en 30 toneladas para cada un dos sete días da semana, en Galicia só é posible capturar 7 toneladas durante catro días. Salientou que a flota galega está a demostrar unha “gran responsabilidade” pero evidencia que “sen o apoio do goberno galego non é quén de acadar a viabilidade necesaria para garantir o seu futuro”.
Por este motivo reclamou un plan específico de medidas para garantir a viabilidade da flota do cerco, “encamiñado a buscar a rendibilidade da flota e a recuperación e valorización dos recursos pesqueiros”.
Criticou que o PP “defenda unha cousa e a contraria” ao anunciar o seu apoio ao sector pero rexeitar a posta en marcha dun plan específico, e puntualizou que as propostas de reducir a capturas para incrementar o valor do produto e incrementar os ingresos “segue sen ser suficiente”.