O Burela FS Pescados Rubén tan só puido conseguir un punto nunha tarde pouco afortunada na visita do pechacancelas, Colegios Arenas Gran Canaria (2-2), que chegaba sen puntos a Vista Alegre. Malia tomar a iniciativa sobre a pista, os pupilos de Juanlu víronse obrigados a ir a remolque no marcador nun partido que pechou Matamoros co empate a 18 segundos para a bucina final.
Comezaron os locais con ganas de dominar o xogo e poñer perigo sobre a meta canaria, con grandes chegadas de Mimi, xa no minuto 1, e Hugo, no 3. No entanto, foi o Colegios Arenas o que atopou a primeira diana; practicamente na súa primeira ocasión, Aitor gañaba un rexeitamento de Edu no chan e dáballes a vantaxe aos visitantes, no minuto 4 (0-1). Os laranxas reaccionaron intensificando o seu ataque, aínda que de lonxe; aos poucos, foron conseguindo adiantar as súas filas. Roldando o ecuador da primeira parte, Burrito apuraba un balón na liña de fondo, e Matamoros e Hugo atopábanse cun gran Dani Cabezón. Pero aí estaba Antoñito para aproveitar un rexeitamento alto ao que chegou tarde Mata, para cravar na rede un balón ante o que o porteiro canario non puido reaccionar, o 1-1, no minuto 13. Pouco despois, Edu salvou o insalvable no bordo da liña de meta, un balón envenenado de Aitor. Na recta final de primeiro acto, Isi aínda puido sorprender sen éxito.
Tras o descanso os mariñáns seguiron apostando pola posesión do xogo, aínda que os insulares tamén intentaban sorprender a Edu, con boa resolución por parte do naronés. O Burela FS estaba pelexando e merecendo poñerse por diante, pero foi entón cando nun pase cara atrás Mimi marcou o 1-2 en contra (minuto 24). Volveu ser crucial o gardameta galego no 26 ante Aitor, tras un roubo do canario a Burrito en media pista. Os laranxas, lonxe de conformarse, dispuxeron toda o seu artillería sobre a portería rival nunha tarde na que o gol se lles resistía, e moito. Logo das tentativas de Iago Míguez, Burrito e Mata no minuto 28, Antoñito tivo unha ocasión de ouro só ante Dani Cabezón, no 31, e segundos despois Isi estrelou o esférico contra o largueiro, desde balón parado de Matamoros. Dani, moi acertado, tamén librou os visitantes no 33, cun mísil do pichichi burelista.
Con cinco faltas acumuladas, Juanlu apostou polo xogo de cinco abandeirado por Mimi, no minuto 36. Crearon perigo inmediato Mata e Hugo, ante un acertadísimo Dani Cabezón; con todo, o Burela FS Pescados Rubén non estaba disposto a pechar a 11ª xornada sen puntuar e o gol tan pelexado por fin chegou, a falta de 18 segundos, nas zapatillas de Matamoros. Sobre a bucina, o meta insular salvou unha frenética embestida dos laranxas adiantándose sobre o ataque burelense.
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Hugo, Matamoros e Antoñito, no cinco inicial; tamén xogaron Juanma, Iago Míguez, Isi, Burrito
Colegios Arenas Gran Canaria FS: Dani Cabezón, Glauber, Campoy, Aitor e Julio, no cinco inicial; tamén xogaron Juampe, Juanillo, Lincon
Goles: 0-1, minuto 4, Campoy; 1-1, minuto 13, Antoñito; 1-2, minuto 24, Mimi (p.p.), 2-2, minuto 40, Matamoros
Árbitros: Cid Bragado (Galicia) // Velasco Martínez (Asturias)
Tarxetas: Por Colegios Arenas, amarela a Aitor (minuto 14), Julio (minuto 21). Por Burela FS, amarela a Hugo (minuto 20), Matamoros (minuto 30), Isi (minuto 32), Iago Míguez (minuto 32).
Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de Primeira División LNFS (Vista Alegre), con 900 espectadores nas bancadas.
*FOTO: A Caixa Escura Producións.
























Afectarán aos seguintes servizos: Piscina: pechada. Duchas dos vestiarios: pechadas. Ximnasio e actividades en seco: abertos no horario habitual. O Concello agradece a comprensión da cidadanía.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
