Lugo, 12 de decembro de 2013. Este xoves presentouse na mosqueira da muralla de Lugo o partido internacional que a selección galega de fútbol disputará en Lugo este 28 de decembro. O vicepresidente nacionalista da Deputación, Antonio Veiga, participou na presentación que contou coa participación tamén de representantes de Seareiras Galegas, responsábel da organización do enfrontamento e os actos que arredor do encontro se celebran, e tamén de representantes de numerosos colectivos que apoian a celebración deste partido.
Antonio Veiga afirmou que “é un feito importantísimo para Lugo que este ano se celebre aquí o partido da nosa selección. De todos é sabido os motivos polos que o PP deixou de apoiar a partir do 2009 este evento. Detrás da escusa económica, o certo é que o PP mostrou a súa faceta máis ideolóxica e reaccionaria, e que aínda mantén, de destruír todo o que teña que ver co noso pobo, e así negou o apoio económico para a organización no Nadal dos partidos das seleccións galegas e comezou a presionar e poñer trabas para que estes partidos non se levasen a cabo”.
Veiga aseguro que “nós cremos en que Galiza merece, ao igual que outros países do Estado, poder gozar dunha representación de deportistas que defendan a camisola coa súa bandeira, como desexan milleiros de galegos e galegas, e por iso apoiamos que este ano sexa Lugo a cidade que acolla o partido da selección. Isto vai servir, nunha cidade coma Lugo na que o fútbol vive un momento de esplendor que agardemos que non sexa pasaxeiro, para demostrarlle ao Partido Popular que a política extremista e negadora do noso país non ten futuro, que hai xente boa e xenerosa que quere ter unha selección de seu, competir coa camisola do seu país e coa bandeira coa que se sinte identificada”.
“Por isto ofrecemos o noso total apoio a Seareiras Galegas para a organización do partido da selección galega en Lugo, que ademais irá revestido doutras actividades como un aberto de billarda, concertos de grupos galegos, un xantar popular e tamén unha manifestación previa para reclamar a oficialidade das nosas seleccións” – concluíu Veiga.
O partido da selección galega fronte á de Occitania disputarase o vindeiro 28 de decembro ás 8 da tarde no campo do Polvorín. Os actos desa xornada comezarán coa celebración dun xantar popular no parque de Rosalía, ao que seguirá a disputa dun aberto de billarda, para logo ás 6 da tarde dar paso a unha manifestación pola oficialidade das seleccións galegas que partirá da Praza Maior e rematará no campo de fútbol do Polvorín, onde se disputa o partido ás 8. A xornada rematará cos concertos dos grupos galegos A Quenlla, Nao, Sem Resposta e Liska na explanada do Parque de Rosalía de Castro a partires das 10 e media da noite.