O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, presentou este luns a moción que o equipo de Goberno Provincial leva ó Pleno de mañá, 31 de decembro, para esixir ós “Executivos antisociais do PP que lideran Feijóo e Rajoy” que incrementen as partidas adicadas a familias en risco de exclusión, subvencionando a gratuidade dos bens de primeira necesidade como a electricidade, para atallar a pobreza; que aumenten as partidas para plans de emprego, distribuíndoas de xeito equitativo entre a totalidade dos Concellos lucenses; e que asuman o incremento da suba do canon de SOGAMA, así como que eliminen o canon da auga.
Santos Ramos destacou que “queremos pechar o ano facendo eco da tremenda perda adquisitiva das familias, moitas delas con todos os seus membros sen paro, que ven como cada mes aumenta os seus gastos fixos polo incremento de taxas e tributos das mans dos gobernos do PP. Por exemplo, os canons de Sogama e da auga, impostos que pagan os cidadáns, que sube a Xunta a través dos Concellos e que non quedan no peto dos municipios, senón que vai todo a mans de Feijóo, e ben sabemos todos que estes cartos non son para mellorar servizos. A suba do IBI, que tamén repercute nos veciños, que é obrigatorio para todos os Concellos, que os Alcaldes se ven na obriga de aplicar, incumprindo os seus compromisos cos veciños por mandato de Rajoy. A isto súmase o repago sanitario e farmacéutico, a reforma das pensións, o incremento das taxas universitarias, a suba da luz ou o chamado falsamente céntimo sanitario. É hora de poñer en marcha políticas anticíclicas, como defenden as teorías económicas, e de apoio ás familias, non de embargo ós seus petos, para axudarlles a soportar e saír da crise, non afondar nela para que os mercados disfruten de saúde a consta dos cidadáns”.
Álvaro Santos defendeu que “dende a chegada ó Goberno Partido Popular o poder adquisitivo dos cidadáns viuse drasticamente diminuído. As reformas económicas emprendidas polo PP, tanto en Madrid coma en Galicia, desprazan sobre o cidadán o custo da crise da que non é responsable. Nada queda das propostas defendidas polo Partido Popular na campaña electoral onde dicían que unha baixada de impostos xeneralizada fomentaría o consumo, incentivando a actividade económica e revertendo nunha fulgurante taxa de creación de emprego. Non obstante, a realidade dous anos despois é moi diferente e particularmente desoladora en termos de pobreza e xustiza social. A desigualdade no estado é unha realidade constatada por diferentes organismos como Eurostat, o que invita a pensar que a pesar de que se produza un crecemento económico en termos macro, a economía doméstica seguirá en absoluta recesión e xerando espirais de pobreza e exclusión social”.
IVE, IRPF e IBI
O Goberno Provincial mantén que “o Partido Popular decidiu emendarse a si mesmo impoñendo o aumento dun imposto tan pouco selectivo como o IVE, elevándoo do 18% ao 21% no tipo xeral ata situalo por enriba da media europea. Ademais, a suba do IVE cultural está a supoñer a morte de diferentes sectores económicos moi arraigados no noso país como o cine, a arte ou o teatro, ao pasar dun 8% a un 21%.
“O goberno do Partido Popular continuou coas subas indiscriminadas que atentaban contra todas as rendas como é o IRPF, subindo o tipo nun 0.75% para as persoas que teñan unha renda menor aos 17.707 euros, e do 7% aos que tiveran unha renda superior aos 300.000 euros”.
“A esta medida antisocial, hai que sumalo a suba do IBI levada a cabo por Mariano Rajoy para os ano 2012 e 2013, e que o Executivo decidiu prorrogar para 2014. Ademais, o Goberno esconde esta suba impoñendo os Concellos a reverter nos seus veciños o encarecemento progresivo segundo valor catastral, que na actualidade afecta a 25 millóns de inmobles”.
Repagos sanitarios, recorte de pensións, incremento de taxas universitarias e da luz
“A estes gravames insolidarios, que cargan rendas altas e baixas do mesmo xeito, hai que sumarlles o encarecemento de todos os servizos, xustificados nun suposto aforro do Estado e traducidos en pobreza para as familias. O repago sanitario que obriga a pagar os medicamentos aos pensionistas, ou o repago da farmacia hospitalaria que clasifica os pacientes segundo o seu poder adquisitivo en lugar de pola súa doenza, súmanse a medidas antisociais como a reforma das pensións que fará perder 8.000 millóns de euros aos xubilados galegos, ou o incremento das taxas universitarias que atenta directamente contra a igualdade de oportunidades excluíndo enormes capas de poboación do acceso á formación”.
“Por último, a insensibilidade do Partido Popular quedou de manifesto novamente, ao votar en contra de que as familias sen recursos poidan ter acceso á luz gratuíta nos meses de inverno a pesar do progresivo encarecemento do recibo da luz. En 2013 a luz subiu ata catro veces, chegando ata un aumento medio dun 3,1%, que disparou o pagamento dun ben de primeira necesidade aos 800 euros anuais de media nos nosos fogares, e que sitúa o custo da electricidade en España como o terceiro máis caro de Europa”.
“Falso céntimo sanitario”
En Galicia, ademais de sufrir a perda de poder adquisitivo da extinta clase media, o Goberno antisocial de Feijóo está a minar os petos dos galegos con impostos pouco selectivos que comprometen o benestar social. O chamado falsamente céntimo sanitario incrementará a partir de xaneiro o litro de carburante en case 5 céntimos sen ter en conta a renda do condutor.


















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



