A formación xuvenil do BNG, Galiza Nova, escolleu Lugo para realizar o seu acto nacional na defensa da soberanía de Galiza e mostrar o seu rexeitamento á Constitución, coincidindo coas vésperas da celebración do aniversario da súa aprobación.
No acto participaron máis de medio cento de militantes e simpatizantes nacionalistas de Galiza Nova, que sostiveron un lema no que se podía ler “República Galega” e despregaron unha bandeira da patria xigante sobre a muralla.
Segundo o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, que dirixiu unhas palabras antes de cantar o himno nacional galego, “os galegos e galegas non temos nada que celebrar, porque a Constitución española perpetúa a discriminación de Galiza no Estado español e négalle á nación galega o exercicio dos dereitos que lle corresponden. Do mesmo xeito, temos que denunciar o modelo económico-político que sacraliza a Constitución Española no actual contexto de crise económica e na reformulación do Estado español, no que Galiza ten moito que dicir e non ser simplemente unha mandada”.