Burela, 30 de decembro de 2013. O equipo de goberno burelés compareceu este luns en rolda de prensa para facer balance do ano que remata naqueles asuntos máis destacables que centraron a actividade do alcalde e do seu grupo de goberno. José María González Barcia, acompañado polos seus concelleiros, afirmou que “2013 foi o ano no que se inicia a estabilidade económica do concello, e no que se reforzan os servicios sociais e educativos que se prestan desde o concello”.
O alcalde burelés manifestou que “se en 2012 houbo que facer axustes moi importantes nas contas municipais, eses axustes tiveron continuidade en 2013, pero de forma paralela establecemos as bases para darlle estabilidade económica ó Concello, algo que actualmente é absolutamente imprescindible. E serva como exemplo que a principios de 2012 os provedores chamaban diariamente ó Concello para saber cando ían cobrar, e agora estamos pagando nun prazo que non supera os trinta días”.
González Barcia asegurou que os datos contables do Concello do presente ano “serán favorables: se a liquidación do presuposto de 2012 foi boa, a de 2013 vai polo mesmo camiño. Non podemos permitirnos ningún tropezo no camiño de cara a sanear economicamente o concello”.
Barcia foi contundente: “unha vez máis, reitero que de non ser polo crédito de pago anticipado a provedores a situación sería radicalmente distinta. Por certo, resulta cando menos cínico e de pouca vergoña escoitarlle agora ó PSOE que as facturas que había sen pagar eran facturas do goberno popular: pensa o ladrón que todos son da súa condición. Que me explique o señor Llano como se xenera un millóns trescentos mil euros sen pagar en nove meses, eu non o sei, pero el seguro que si”.
O alcalde burelés engadiu que “este tamén foi o ano no que se reforzaron os servizos sociais e educativos que está a prestar o Concello. Había persoas que actuaron cos servizos sociais e educativos do Concello como actuaron co Hospital, dicindo que íamos desmantelar todo. Esas persoas mentíronlle ós cidadáns: non desmantelamos nada, ó contrario, reforzamos os servizos que estábamos prestando e hoxe ninguén, agás os catro de sempre, dubida de que este equipo de goberno desmantele nada. Seguimos prestando a axuda a domicilio, seguimos atendendo as demandas dos nosos maiores, seguimos mantendo as coidadoras dos comedores, seguimos colaborando de forma moi importante para que os centros de ensino abran polas tardes, seguimos mantendo o Centro de Atención Temperá, abriuse o Centro de Día do Centro de Formación Ocupacional de Discapacitados, mantemos as Escolas Deportivas Municipais, etc.. E logo algún iluminado di que o noso é un desgoberno”.
O rexedor burelés fixo un repaso ás actuacións e logros máis importantes do ano: “axilizar da forma en que o fixemos o PXOM creo que é destacable, xa que en ano e medio fomos capaces de aprobalo inicialmente, resolver as alegacións, pelexarnos con quen había que pelexarse para defender ós veciños, aprobalo provisionalmente e envíalo á Xunta para a súa aprobación definitiva. O PXOM facilitará entre outras cousas a ampliación do Hospital. Pero o PP volveu a atoparse solo, xa que o PSOE e o Grupo Mixto votaron en contra da aprobación provisional”.
Outro logro, segundo Barcia, radica en Torrentes: “en 2013 recibimos as obras e abrimos a urbanización para uso e disfrute de todos os cidadáns, especialmente dos propietarios incluídos na mesma. O PXOM e Torrentes marcan as liñas do futuro de Burela, a pesares de que algúns, os menos, critican tanto unha cousa coma a outra; e son os mesmos que tiveron parada a unidade de actuación catro anos”.
O alcalde burelés recalcou outro feito importante: “recuperar as subvencións ás asociacións. Nun ano complexo e difícil coma 2013, fomos capaces de cumprir co noso programa electoral: actuamos con prudencia, con rigor, e conseguimos algo que parecía moi lonxe, e que ademais se ratifica nos presupostos de 2014. Seguro que ós colectivos lles gustaría ter máis axudas, como tamén a nós nos gustaría conceder máis cartos, pero todos entenden e entendemos que a situación non é doada e que o esforzo que estamos a facer é moi importante”.
Noutra orde de cousas, González Barcia dixo que “durante este ano aí están as actuacións no Parque Rosalía de Castro, as reformas en dúas vivendas de Mestres do CEIP Virxe do Carme, a renovación de case cen luminarias de alumeado público en dúas zona de Burela para aforrar enerxía, ou mesmo a humilde recuperación do alumeado de Nadal, que tampouco lle gusta nada ó PSOE, e xa sabemos porqué”.
O alcalde fixo mención a outras xestións levadas a cabo en 2013 e que xa se van concretando: “nós dixemos que o acceso ó porto ía ser realidade neste mandato, e aí está suficiente partida orzamentaria en 2014 para que nese ano se licite, adxudique, contrate e inicie a obra. Traballamos nestes dous últimos anos para mellorar a seguridade na dársena interior do porto, e estase a facer o proxecto de obra a tal efecto. Vamos por bo camiño no asunto da EDAR, infraestrutura necesaria para o noso concello. E sobre de todo, apostamos pola defensa da sanidade pública, e se licitou o plan director do Hospital que se adxudicará en breve, documento imprescindible e básico para a ampliación deste centro. A estas obras tamén lles dedicamos tempo e traballo, porque son fundamentais para o noso concello e algunha delas para a propia comarca”.
Barcia non esqueceu outras cuestións que centraron a súa actividade neste ano que remata: “fomos quen de xestionar ante a Xunta practicamente un millón de euros adicionais ós que xa figuraban nos presupostos do Concello a principios deste 2013. E estamos sendo quen de resolver boa parte dos problemas que nos deixaron outros: por exemplo, o do alumeado, xa que en 2014 recuperaremos o cento por cento do alumeado público e farémolo cun aforro enerxético importante”.
José María González Barcia quixo “agradecerlle o traballo a todos e cada dos membros do equipo de goberno e ó partido que o apoia, así como ós empregados municipais. Pero fundamentalmente teño que agradecerlle á cidadanía a súa comprensión e recoñecemento do traballo e esforzo que estamos a facer para facer que o concello de Burela sexa o que todos queremos que sexa: un concello dinámico, emprendedor, como o foi sempre, pero tamén solvente e fiable no aspecto económico, e crible na súa toma de decisións”.
Oposición descomposta
Finalmente, o alcalde burelés referiuse ós grupos da oposición: “2013 é o peor ano da oposición que eu recordo desde que estou en política. O BNG tardou catro meses en substituír a Neves Cando e para iso tivo que mover a lista hasta o posto número nove, o que demostra ben ás claras a súa situación. Ó Sr. Pillado non lle vai ser doado acadar o nivel de Neves Cando. No que se refire ó PSOE, deben clarificar quen controla o partido, e quen controla o grupo municipal, porque desde logo o Sr. Llano non; e ademais están instalados nunha deriva moi agresiva bastante perigosa; tanto é así que se lles pode aplicar aquilo que dixo Quevedo: el insulto es la razón de los que razón non tienen”.