Dende o Grupo Municipal Socialista de Foz somos conscientes de que é necesario sacar adiante un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no noso concello, pero non estamos dacordo con que a Corporación aprobe un documento que vai en contra dos intereses da maioría dos veciños.
Os concelleiros do PSOE de Foz non comprendemos como dende o Partido Popular, mentres estaban na oposición e por parte do Goberno Socialista se intentou sacar adiante un PXOM, se dedicaron a recorrer tódolos barrios e parroquias do concello facendo demagoxia con este tema e enganando aos veciños; e, sen embargo, agora que están gobernando publican un documento moito máis restrictivo e lesivo para os intereses veciñais, e, aínda por riba, pretenden sacalo adiante responsabilizando aos grupos da oposición.
Nun asunto de vital importancia para os veciños coma é o regulamento da ordenación urbanística do noso concello, o primeiro que debe facer a Corporación é escoitar ao pobo e aos grupos de traballo que colaboraron no seu día na elaboración do Plan Xeral, e recoller o sentido das súas alegacións e manifestacións ao respecto, algo que non se contempla no documento publicado actualmente, no que a maioría das alegacións que foron presentadas se atopan desestimadas.
Segundo afirma a voceira socialista, Rosa Pérez Gradaílle, “O PXOM debe ser un documento adaptado á realidade existente no noso concello, no que non haxa lugar para a discrecionalidade e a arbitrariedade, e no que non se limiten os usos e aproveitamentos das edificacións xa construidas.”
En último termo, dende o Grupo Municipal Socialista consideramos que, “se tal e como anunciou recentemente a Xunta, a LOUGA vai a ser obxecto de revisión e modificación no próximo ano, o Sr. Castiñeira está a perder o tempo intentando sacar adiante un documento que terá que ser novamente adaptado a dito cambio normativo, e, o que é peor, está a malgastar os cartos dos veciños e veciñas de Foz”.