Lugo, 13 de decembro de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, informou este venres na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da Deputación, que esta fin de semana os museos da Rede Museística da Deputación proxectarán o filme e a curtametraxe gañadoras do festival de cine euroárabe Amal de 2012.
En concreto, trátase da longametraxe de ficción “Rabat”, dos directores Jim Taihuttu e Victor Pontem, de Holanda, e da curta documental “Eid” dirixida polo Saaheb Collective, de Palestina. Os horarios das proxeccións serán no Museo Provincial de Lugo o sábado, a partir das 18 h. e domingo, ás 12:30 h.; no Museo-Fortaleza San Paio de Narla o sábado e domingo, a partir das 16:15 h.; no Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o sábado, a partir das 16:30 h. e domingo, ás 12:00 h.; e no Museo-Pazo de Tor o sábado, a partir das 17 h. e domingo, ás 11:30 h. Coma todas as actividades que se desenvolven na Rede Museística, a entrada é gratuíta.
Na Xunta de Goberno da Deputación levouse a aprobación do prezo público do libro “O Cebreiro. Apuntamentos Históricos”, que quedou fixado en 26 euros. E fóra dos asuntos da Xunta de Goberno, Mario Outeiro criticou a nefasta política do PP na Xunta de Galiza que está condenando a milleiros de mozos e mozas galegas a unha emigración forzosa por motivos laborais. Tal e como afirmou Mario Outeiro “desde 2008 perdéronse máis de 215.000 empregos en Galiza, 50.000 só no último ano e, destes, oito de cada dez correspondían a menores de 35 anos. Son estes datos os que explican que entre 2003 e 2010 máis de 315.000 galegos e galegas marchasen traballar a outras comunidades autónomas e ao estranxeiro, e que a metade deles fosen menores de 30 anos. Isto reflicte o fondo do drama da emigración no noso país: a emigración xuvenil, “fuga de cerebros”, o éxodo de milleiros de rapaces e rapazas galegas que se formaron aquí acadando estudos superiores e que diante das nulas oportunidades laborais no país teñen que buscar emprego fóra”.
“A precariedade contractual dos titulados, o seu escaso estímulo salarial, a ausencia de emprego de calidade e a propia estrutura empresarial galega quedan constatadas como causas da expulsión desta man de obra cualificada cara a outras rexións e, fronte a isto, en Galiza temos que seguir a sufrir o desleixo do goberno do PP que nos 5 anos que leva gobernando co señor Núñez Feijóo á fronte nada fixo para atallar esta situación. Por isto, esta terceira emigración galega ten culpables, e están actualmente gobernando en Galiza e no Estado” – rematou Outeiro.