Coa chegada do outono, a caída da folla nas árbores de folla caduca e as primeiras xeadas nas beiras do noso Río Landro, non é tempo de romarías. É tempo de frío e abrigo, agás para os malos romeiros, que non recollen as súas casetas no verán, e as deixan podrecer á xeada da invernía deste norte galego.
O Val do Naseiro éche testemuña ano tras ano de malos romeiros que non recollen o que é deles e se marchan, senón que fican na paisaxe coma as árbores de folla perenne. En Viveiro, temos un bo exemplo no líder do Partido Popular, ao que xa no verán, lle pedimos que fora bo romeiro, e volvemos a repertirllo no outono.
No tempo dos magostos, máis de 200 veciñ@s saíron á rúa, convocados polo BNG, para reivindicar e representar o clamor popular do pobo de Viveiro, pola situación do muelle vello e do porto deportivo de Viveiro. Un clamor no caso do peirao vello, que é unánime de todos os sectores sociais, políticos, empresariais e culturais de Viveiro, e unha reivindicación, a de abrirnos ao mar, necesaria para o futuro da nosa Cidade.
Un día antes o romeiro do Partido Popular, falaba de predicar e non dar trigo, coma sempre con medias verdades, e mentiras enteiras. Direille ao romeiro, que en primeiro lugar nos acusa de ter catro anos pechado o barrio do Celeiriño, que o BNG nin estaba no goberno, nin eu era concelleiro, polo tanto, terá que pedirlle contas ao partido socialista. Nós en pouco máis dun ano de goberno, cunha boa xestión, abrimos o barrio á xente, e puxemos fin ao problema,tal e como prometemos e como vostede ben coñece. E aínda que non o queira recoñecer, predicamos e demos trigo.
En segundo lugar, como bo predicador anuncia que existe proxecto e dotación orzamentaria para o muelle vello. Nos orzamentos da Xunta de Galiza non aparece ningunha asignación para o peirao de Viveiro e dese proxecto non existe constancia no Concello de Viveiro, nin as veciñas e veciños tiveron ocasión de velo. A cidadanía, está farta de anuncios e falsas promesas, e queremos feitos. O Partido Popular e o Partido Socialista, levan anos entorpecéndose mutuamente para poñer solución ao muelle vello, utilizándoo como arma de confrontación política, e provocando unha situación desastrosa na que coma sempre saen perdendo as veciñas e veciños de Viveiro. Se vostede realmente quere un proxecto de reforma integral do Muelle Vello, como tanto predica, non sexa un freo nin un obstáculo, como o é para Viveiro, que o seu partido vote a favor no Parlamento Galego da emenda do BNG aos orzamentos, e poñerá así fin, a centos de falsas promesas e enganos sobre o muelle vello.
E por último, vostede dí que son pouco de fiar, porque supostamente non condeno o terrorismo. Mire Sr. Romeiro, o Partido Popular, pretende criminalizar o nacionalismo galego, misturándonos con grupos violentos, para tentar danar a nosa imaxe ante a cidadanía.
Voullo deixar ben claro, quen lle escribe, condena todo tipo de violencia contra as persoas e bens, todo tipo de terrorismo, o de resistencia galega e todo aquel que utilice a violencia a modo de imposición ideolóxica.
Así ben, tamén condeno o terrorismo económico das súas políticas, que está deixando ao borde da pobreza a millóns de persoas no Estado Español, o seu terrorismo sanitario, que mata a persoas a través de recortes en sanidade, o seu terrorismo educativo mata os soños de mozas e mozos que non poderán estudar,o seu terrorismo hipotecario que deixa sen casa ás persoas, condeno o seu terrorismo ideolóxico, coa lei de seguridade cidadá, que condena a quen pense diferente e se manifeste e terá que pagar. E condeno o terrorismo do capital, que establece un mundo do diñeiro e non das persoas, no que os ricos serán cada vez menos e máis ricos, e os pobres cada vez máis e mais pobres.
A miña condena é clara e contundente, vostede Sr Aja, tardou case 40 anos en condenar no pleno de Viveiro, a represión fascista. Non acepto as súas leccións de democracia. É certo que unha cousa é predicar e outra diferente dar trigo, pero esa lección non pode vir, de alguén máis acostumado a recollelo, con enormes colleitas, que a dalo.
Bernardo Fraga
Responsábel e Portavoz do BNG en Viveiro.