O Centro Social de Lago acolleu a última tirada da Liga de Bolos Concello de Xove deste ano 2013 e a primeira tirada da segunda volta do campionato, polo que restan 8 tiradas por disputar, todas no 2014.
Nunha tarde agradable, pero cun campo en irregulares condicións dificultou as tiradas e propiciou uns tanteos baixos, sobre todo na categoría sénior feminina.
Liga Sénior Masculina
Nova vitoria, quinta no cómputo total e terceira consecutiva, de Alex Meitín, que lle permite afianzar o liderato con 82 puntos, 13 máis que José Rafael, segundo con 69. En terceira posición temos a Sócrates Campo con 57 puntos. Inda que quedan 8 xornadas por disputar, está claro que tanto Alex como José Rafael van pelexar polo trunfo final. Por detrás deles un numeroso grupo que inda pode aspirar a todo, polo menos matematicamente. Sócrates con 57 puntos (a 25 da cabeza), Arturo Vigo e Jose Vigo con 48 (a 34 da cabeza), Francisco Pérez con 47 (a 36 da cabeza), José Manuel Cociña con 45 (a 37 da cabeza), etc., o máis lóxico é que pelexan pola terceira e incluso pola segunda praza finais, xa que o primeiro posto antóxasenos moi lonxe.
O que está claro é que, se sigue xogando como ata agora, nestes intres Alex Meitín é imbatible. Está xogando a un altísimo nivel, ao cal hai que sumarlle unhas condicións físicas envidiables para este deporte, xa que ten uns brazos larguísimos, o que lle permite imprimir unha grande velocidade á bola; e se o físico lle axuda, de moral está que se sube.
Liga Sénior Feminina
Ou moito nos imos equivocar, pero este ano parece que esta liga xa ten dona, e non é outra que Belén Meitín, cunha ampla renda de 17 puntos sobre a segunda clasificada, Dolores Baño. Dolores, comezou moi ben, pero foise desfondando a partires de comezo de novembro pasado debido a uns problemas físicos que está arrastrando e que lle impiden render ao máximo nivel.
A vitoria de Paula permítelle acceder en solitario á terceira posición, ao acecho do segundo posto que ten a só 5 puntos. Paula Campo é unha xove xogadora que cada vez está a xogar mellor, medrando como xogadora e cun gran porvir. Por detrás, en cuarta posición, Salomé Bermúdez, tamén con opcións a esa terceira praza de honra.
Liga Sub 18
Espectacular esta tirada, dado que os xoves desta Liga, que están situados nun peldaño por debaixo dos tres grandes favoritos, deron o golpe e conseguiron copar as dúas primeiras posicións nesta tirada, sorprendendo aos líderes. A vitoria de Miguel López e o segundo posto de Daniel Alonso, que teñen 28 e 27 puntos respectivamente, fai que se acheguen aos postos de cabeza e poñan nerviosos aos favoritos.
Daniel López, unha semana máis, líder con 37 puntos, seguido de Salomé Cardoso con 35 e Isaías Cardoso con 34. Ou sexa, os tres primeiros moi preto entre eles e con todo por decidir a falla de 8 tiradas para rematar. Tamén Miguel López e Daniel Alonso se queren sumar á festa, e as distancias ás que se atopan non son demasiadas, de aí que o que quede de temporada vai a ser unha competición moi forte, de cinco e non de tres, como tíñamos pensado a comezos de tempada.
A vindeira tirada, a 11ª e segunda da segunda volta, vai ter lugar no CLUB DE PALMEIRO, O VINDEIRO SÁBADO, 11 DE XANEIRO DE 2014.
CAMPIONATO DE BOLOS DE CENTRO SOCIAL DE LAGO (14 DECEMBRO 2013) 35 INSCRITOS: 18 NA LIGA SENIOR, 11 NA LIGA SUB 18 E 7 NA LIGA FEMININA | |||
CLASIFICACION | NOME | TANTOS | PUNTOS |
LIGA SENIOR | |||
PRIMEIRO | ALEX MEITÍN SERANTES | 241 | 12 |
SEGUNDO | JORDI MEITÍN SERANTES | 240 | 10 |
TERCEIRO | JOSE VIGO LAGE | 236 | 8 |
CUARTO | JOSÉ RAFAEL GONZÁLEZ BERMÚDEZ | 222 | 7 |
QUINTO | SÓCRATES CAMPO SUÁREZ | 203 | 6 |
SEXTO | ARTURO VIGO CASABELLA | 197 | 5 |
SÉTIMO | MOISÉS RODRÍGUEZ CASABELLA | 190 | 4 |
OITAVO | FRANCISCO PÉREZ GONZÁLEZ | 166 | 3 |
NOVENO | ARTURO RODRÍGUEZ ÁLVAREZ | 166 | 2 |
DÉCIMO | FÉLIX MÉNDEZ GALDO | 160 | 1 |
MELLOR BOLADA | JORDI MEITÍN SERANTES | 88 | 1 |
LIGA SUB 18 | |||
PRMEIRO | MIGUEL LÓPEZ FORMOSO | 157 | 6 |
SEGUNDO | DANIEL ALONSO LÓPEZ | 125 | 4 |
TERCEIRO | ISAIAS CARDOSO RODRÍGUEZ | 120 | 3 |
CUARTO | LAURA IGLESIAS MARIÑO | 77 | 2 |
QUINTO | SALOMÉ CARDOSO RODRÍGUEZ | 74 | 1 |
MELLOR BOLADA | DANIEL ALONSO LÓPEZ | 50 | 1 |
LIGA FEMININA | |||
PRMEIRO | PAULA CAMPO SUÁREZ | 96 | 6 |
SEGUNDO | BELÉN MEITÍN ROUCO | 94 | 4 |
TERCEIRO | DOLORES BAÑO FRAGA | 67 | 3 |
CUARTO | SALOMÉ BERMÚDEZ BEN | 60 | 2 |
QUINTO | CONCEPCIÓN PIÑEIRO LÓPEZ | 25 | 1 |
MELLOR BOLADA | PAULA CAMPO SUÁREZ | 43 | 1 |