Dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) queremos amosar a nosa total e máis enérxica condena e repulsa aos actos machistas acaecidos en Cervo, que consumando a peor expresión de tal violencia, fixeron perder a vida a dúas mulleres.
Así mesmo, queremos trasladar todo o noso apoio e solidariedade á familia e amizades das víctimas nestes momentos de dor.
Animamos, polo tanto, a toda a sociedade a participar en todos os actos e concentracións que a tal fin se están convocando.
Pero cómpre, ademais, reclamar das institucións que, máis alá de declaracións institucionais, e das xenéricas mostras de rexeitamento a esta lacra social, tomen verdadeira conciencia do problema. “Non é de recibo que se estén recortando partidas orzamentarias nun tema tan sensible, que diminúan os medios para informar, protexer e apoiar as víctimas de violencia de xénero e que non se esté apostando claramente pola única solución posible a longo prazo, a educación en igualdade e pola igualdade real e efectiva entre homes e mulleres”, concluíu Carme Antas, da Secretaría da Muller da CIG Lugo – A Mariña.