Lugo, 10 de xaneiro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou este venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, o nomeamento de novos membros do Consello de Administración do CB Breogán SAD.
Segundo explicou Veiga, “até o de agora, o Consello de Administración do Breogán estaba formado sete membros, catro dos cales dimitiron polo que se procede ao nomeamento de outras catro persoas que pasarán a substituílo. Neste caso serán José Mourelle Cillero, secretario xeral da Deputación de Lugo; Rosa Abelleira, interventora do organismo provincial; Alfonso Orol, persoa vinculada á vida social e deportiva da cidade; e Alberto Fernández Fraga, que en máis dunha ocasión desenvolveu a súa actividade en clubs deportivos vinculados á cidade, unha persoa totalmente integrada no mundo deportivo lucense”.
Así mesmo, seguen formando parte dese Consello de Administración, por representación dos tres grupos políticos, Xosé Manuel Arias, por parte do Partido Popular; Álvaro Santos, do PSOE; e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga.
O Consello de Administración do Breogán continúa traballando para levar adiante o proxecto deportivo que se marcou o equipo de baloncesto lucense ao principio da tempada 2013-2014, así como para desenvolver o proxecto económico que foi aprobado por unanimidade na asemblea de accionistas celebrada o pasado 26 de decembro.
Neste sentido, Veiga insistiu “no compromiso que ten adquirido a Deputación de Lugo co CB Breogán, unha colaboración que se remonta ao 2007, ano no que o BNG entrou a formar parte do goberno provincial, e que só no último ano supuxo unha aportación de arredor de un millón de euros”.
Ademais, o vicepresidente da Deputación recordou que “continúa adiante o proceso de alleamento das accións que posúe a institución provincial do CB Breogán, polo que se poden presentar ofertas até o vindeiro venres, 17 de xaneiro”.