A Xunta de Galicia segue a dar os pasos necesarios para impulsar a reactivación do sector eólico en Galicia no escenario enerxético actual. Neste sentido, informouse este xoves no Consello da Xunta da autorización dos tres primeiros parques do concurso eólico galego así como das medidas concretas que se están a activar para facilitar o desenvolvemento do sector eólico na comunidade.
As infraestruturas aprobadas suman un total de 60MW, e terán capacidade para producir preto de 190.000 MW/h ao ano, cifra equivalente ao consumo anual de máis de 50.000 fogares. O parque eólico de Acibal, promovido por Norvento, situarase na provincia de Pontevedra, en terreos pertencentes aos concellos de Barro, Moraña e Campo Lameiro, e contará con 4 aeroxeradores que totalizan unha potencia de 12 MW.
As outras dúas infraestruturas situaranse na provincia de Lugo. O parque eólico Mondigo, correspondente á empresa Esus Energía Renovable, estará instalado nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo, disporá de 15 aeroxeradores cunha potencia de 45 MW; e o parque eólico Faro, promovido por Nieblagen e situado no Vicedo, cun aeroxerador de 3 MW. En total, as tres infraestruturas promoverán un investimento conxunto de case 70 millóns de euros na comunidade.
A aprobación destas novas instalacións supón un importante avance na aposta estratéxica do Goberno galego polo desenvolvemento desta enerxía así como polo impulso do concurso eólico. Neste sentido, o Consello da Xunta coñeceu hoxe do inicio dos trámites doutras tres medidas -financeiras, técnicas e administrativas- que perseguen a adecuación do concurso ás actuais circunstancias e que se unen á decisión adoptada na Lei de Orzamentos de 2014 de rebaixar o ITP para as industrias relacionadas coas enerxías renovables.
Iniciativas de impulso do sector eólico
En primeiro lugar, informouse do inicio da tramitación para a aprobación do proxecto de lei que permitirá aos promotores eólicos constituír os avais no momento do inicio da construción dos parques, facilitando así o desenvolvemento dos proxectos. Ademais, anunciouse o comezo dos trámites para a aprobación do decreto que permitirá axilizar as repotenciacións de parques fomentando a eficiencia e reducindo o impacto ambiental.
Por último, e centrado nos parques do concurso, o Consello da Xunta coñeceu tamén os avances para facilitar a desistencia total ou parcial de MW, sempre que non se altere o resultado do concurso. A dita renuncia, que será valorada e verificada pola comisión de seguimento, ten que contar cos correspondentes informes sectoriais ou ben estar fundamentada na inviabilidade económica do proxecto. A estas medidas súmase a
iniciativa fiscal xa en vigor que supón unha dedución do 92,5% na cota do ITP (imposto de transmisións patrimoniais).
Plans industriais
Deste xeito, o Goberno galego segue a dar os pasos necesarios para impulsar un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica orientado á recuperación do liderado neste sector e á creación de emprego e riqueza para a sociedade. Neste sentido, os plans industrias asociados ao concurso eólico galego xa están a xerar 700 millóns de investimento na comunidade e preto de 1.400 postos de traballo.