Foz, a 23 de xaneiro de 2014.- Para o BNG a situación económica de moitas persoas autónomas e pequenas e medianas empresas en Galiza hoxe é crítica. Sobre todo, persisten as dificultades para obter liquidez para a maior parte das empresas galegas (microempresas e pequenas empresas) para poder continuar realizando a súa actividade.
Esta situación vese agravada na actualidade pola política económica emprendida polo Goberno central, sobre todo por unha reestruturación financeira que non asegurou que os inxentes fondos públicos destinados ao apoio do saneamento da banca tivesen como destino final os sectores produtivos, e dun xeito máis concreto polas últimas decisións adoptadas relativas ao incremento dos custos sociais, a través do aumento das cotizacións para autónomos e autónomas.
Así, o Goberno vén de aprobar un considerábel incremento das cotizacións mínimas para as persoas autónomas que contan con 10 ou máis persoas empregadas no último ano, que representa unha suba do 22%, case 60 euros ao mes. A consecuencia directa desta medida será afondar no estrangulamento económico ás persoas autónomas e a emprendedoras. Ademais, o efecto indirecto será a destrución de emprego neste tipo de unidades económicas ao forzar a que sociedades deste tipo contraten menos de 10 persoas.
Por outra banda, tamén se produce un incremento da base mínima para persoas autónomas, que é a cotización maioritaria en Galiza, que provocará un incremento de máis de 60 euros ao ano para as mesmas.
Estas medidas aplícanse sen ningún tipo de diálogo co sector, como critican as principais asociacións de persoas autónomas galegas e do Estado.
As implicacións desta suba das cotizacións serán a de dificultar a recuperación económica para persoas autónomas e pequenas empresas, mesmo contribuír a unha maior desaparición de pequenas empresas, mentres se limita a súa capacidade de xeración de emprego, principal problema económico en Galiza e no Estado. Non ten sentido que se incrementen as cargas sobre estas unidades económicas mentres se aumentan as axudas a grandes empresas, ao mesmo tempo que se manteñen sobre elas enormes vantaxes fiscais que impiden ao Estado manter políticas económicas anticíclicas.
Estas mudanzas prodúcense co suposto obxectivo de facer viábel a Seguridade Social, que para o presente ano terá un déficit de máis de 10.000 millóns de euros. Neste contexto, o conxunto de reformas que gravarán con máis cargas ás persoas autónomas terán un impacto de menos de 1.000 millóns, polo que non contribuirá a resolver este problema ao mesmo tempo que provocará nefastas consecuencias para a maioría de empresas do tecido produtivo. Mesmo debemos resaltar que o citado déficit ten unha causa directa na acusada baixa de cotizacións por mor da redución salarial, impulsada polas políticas do Goberno, sobre todo desde a reforma laboral.
O mecanismo máis eficaz para a sustentabilidade da Seguridade Social pasa por unha reforma fiscal e políticas activas de emprego que reduzan a enorme taxa de paro, por asegurar o mantemento o nivel salarial de todos e todas as traballadoras, e non por incrementar as cotizacións aos segmentos máis vulnerábeis do tecido empresarial nun momento que atravesan serias dificultades económicas.
Por iso, o grupo municipal do BNG, solicitará do Pleno da Corporación aprobar os seguintes acordos:
1. Demandar do Goberno do Estado a un posicionamento contrario a calquera suba nas cotizacións para persoas autónomas e pequenas empresas.
2. Demandar do Goberno do Estado aprobar as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas.
3. Pór en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego.



















O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



