Santiago, 10 de febreiro de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia alerta dun temporal de vento en terra que afectará esta madrugada á zona da Mariña de Lugo.
Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), ás 3.00 horas de maña, martes, iniciarase un fenómeno meteorolóxico adverso con vento do sur e suroeste e refachos máximos de ata 110 quilómetros hora. Está previsto que o adverso remita en torno ás 9.00 horas, baixando a nivel amarelo.
Así mesmo, a AEMET tamén informou doutra alerta laranxa que afectará á costa das provincias da Coruña e Pontevedra desde as 00.00 horas de mañá e que se estenderá ata as 9.00 horas. En toda a costa atlántica o vento soprará do suroeste, con forzo 8 ou 9 e ondas que poderán acadar os 6 metros de altura.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos afectados, á Deputación e voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos, e igualmente retirar calquera obxecto susceptible de caer das fiestras e balcóns. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.