Santiago, 12 de febreiro de 2014.- A rede de estradas de Galicia conta a día de hoxe con máis de 1.300 quilómetros de vías de alta capacidade, dos que unha terceira parte –un total de 450 quilómetros- son vías de titularidade da Xunta de Galicia. Así o trasladou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, dentro da súa intervención parlamentaría sobre a valoración do Goberno en relación coa posta en servizo do último trazado lucense da autovía A-8.
Dende o pasado 3 de febreiro, a nosa comunidade suma ás súas estradas os preto de 16 quilómetros dos novos tramos inaugurados entre Mondoñedo-Lindin e Líndin-Carreira e que completan o trazado da autovía do Cantábrico, que conecta a Galicia co norte de España e co centro de Europa.
O conselleiro de Medio Ambiente comunicou que a valoración do Goberno non pode ser máis que positiva en relación coa posta en servizo destes dous tramos, xa que contribúen a superar o tradicional sistema viario radial; e proporcionan unha maior axilidade, seguridade e comodidade para os tránsitos de longo percorrido. Ademais acurtan preto dun centenar de quilómetros, evitan peaxes e reducen de forma notable o tempo de viaxe entre o centro de Galicia e Bilbao.
Para Galicia os novos tramos da A-8 supón, non só engadirlle ás dúas autovías de unión coa Meseta, un novo acceso cara ao exterior da Comunidade, senón tamén un corredor interior para estruturar as comunicacións entre as principais vilas e cidades de Galicia.
Hernández explicou que a autovía do Cantábrico vén a sumar outros 87 novos quilómetros que discorren integramente por territorio galego, que se entroncan en: Baamonde coa Autovía do Noroeste e, a través dela coa Autoestrada do Atlántico cara ao sur da Comunidade -camiño de Portugal- e coa autovía Ferrol-Vilalba.
Dende Ribadeo, a A-8 conéctanos directamente coas comunidades de Asturias, Cantabria e o País Vasco, supoñendo un novo acceso para a nosa integra nas redes transeuropeas de transportes.
Esforzo común
Na súa comparecencia, Hernández non quixo esquecer o esforzo realizado ao longo dunha década que pon de manifesto o acerto daquela frase dun dos impulsores destas obras de que “as infraestruturas son para os tenaces, non para os impacientes”.
Este mes de marzo cúmprense os dez anos desde o inicio dos traballos do primeiro tramo entre Ribadeo e Reinante, licitado e adxudicado por un Goberno apoiado polo Partido Popular.
O responsable autonómico de Medio Ambiente declarou que estamos ante unha obra de grandes retos técnicos e económicos, na que se investiron arredor de 720 millóns de euros e destacou que aínda que se desenvolveu baixo as directrices de varios Gobernos resulta curioso comprobar como tanto o inicio como o fin desta autovía tivo lugar con Gobernos apoiados polo Partido Popular en Galicia e en España.
Nos dous últimos tramos, no medio dunhas circunstancias económicas moi adversas, o actual Executivo foi quen de aprovisionar arredor duns 130 millóns de euros, que equivalen ao orzamento do 63% e do 81% de cada un destes dous tramos que enlazan Carreira con Mondoñedo.
Pero, á marxe destas circunstancias, Hernández acentuou que estamos ante unha gran infraestrutura que transcende dunha visión partidaria que se acabou convertendo nunha cuestión de Estado. Por iso, e polo que a propia obra significa: o Goberno da Xunta de Galicia non pode máis que recoñecer os esforzos realizados e mostrar a súa satisfacción pola culminación dun trazado vital e de futuro para o futuro da nosa Comunidade, concluíu Hernández.
Melloras na LU-124
En relación coa mellora dos accesos de esta autovía desde Mondoñedo a través da LU-124, é evidente que unha maior ou menor funcionalidade dunha gran infraestrutura de comunicación como esta, depende dunha correcta conexión coa rede de estradas existente.
Hernández explicou que esta cuestión está contemplada nos propios proxectos construtivos e que a Xunta de Galicia vén mantendo contacto co Ministerio de Fomento a fin de lograr, de forma conxunta, a mellor accesibilidade a esta vía de comunicación.
Por iso, logo de que o Ministerio solucione os danos producidos no firme da estrada LU-124 que conecta Mondoñedo con Vilameá, e se resolvan os problemas de canalizacións de augas pluviais, a Consellería de Medio Ambiente vai executar a mellora e acondicionamento desta vía priorizando o tramo entre Lindín e Mondoñedo.
Deste xeito o conselleiro confirmou que se mellorará o firme e o trazado da LU-124 desde a saída de Mondoñedo ata o enlace da A-8 en case 7 quilómetros de trazado, e ampliación da calzada desde os 5 metros actuais ata os 7 metros, que nun pequeno tramo de travesía mesmo levará beirarrúas e aparcamento nunha marxe.
Actualmente estase a elaborar o documento técnico que se precisa para proceder á contratación destas obras, que a Xunta de Galicia confía en poder executar e poñer en servizo ao longo do ano actual, ao tratarse dunha actuación de urxencia, para recuperar esta estrada deteriorada pola obras e facilitar o acceso de Mondoñedo á autovía A-8.
Respecto da mellora do resto do trazado da LU-124, Hernández trasladou que o Goberno autonómico segue mantendo na súa planificación a mellora integral desta vía que se afrontará en canto as posibilidades orzamentarias o permitan.
Esta actuación recolle un itinerario de preto de 30 quilómetros cunha intensidade media de tráfico que apenas alcanza os 200 vehículos/día, e mesmo en boa parte apenas supera os 80 vehículos/día, cando a intensidade media no resto das estradas de Galicia supera os 3.000 vehículos diarios.
En todo caso, Hernández acentuou que o estado do firme desta estrada será obxecto de atención dentro dos labores ordinarios de mantemento e conservación para garantir a súa eficacia na circulación e unha axeitada seguridade viaria.