Mujeres en Igualdad Burela (Bumei) aposta pola conciliación da vida laboral e familiar co Programa Madrugadores, un servizo que permite ós pais e nais poder acceder ós seus postos de traballo no seu horario habitual despois de deixar ós nenos e nenas no seu centro escolar independentemente do horario de inicio das clases. Deste xeito, os proxenitores, sobre todo as nais, non teñen que renunciar na maioría dos casos á incorporación ó mundo laboral.
Co obxectivo de implantar o programa no colexio público de Nois, a ANPA púxose en contacto con Mary Fraga, presidenta de Bumei para coñecer a viabilidade da implantación do Programa Madrugadores para o vindeiro curso 2014-2015. Despois de estudar a súa funcionalidade e adaptación ó centro escolar de Nois, a ANPA e Mujeres en Igualdad Burela decidiron ofertar este servizo no centro o vindeiro curso.
O Programa Madrugadores comprende a acollida dos nenos e nenas nos seus centros escolares, antes do horario previsto de entrada normal ó centro. Durante este tempo daraselles ós nenos os almorzos, participarán en actividades coordinadas polo persoal educativo do propio persoal do Programa Madrugadores, e acompañamento dos nenos ás súas respectivas aulas no momento de comezar as clases.
Así mesmo, Mary Fraga quere sinlar que ó igual que o ano pasado tamén se ofertará o programa Madrugadores nos dous colexios de Burela, para o vindeiro curso 2014-2015.