Delegados e delegadas da CIG e outras OOSS o venres diante da consellaría de Sanidade para denunciar as políticas privatizadoras do SERGAS, a falta de diálogo coas organizacións sindicais e reclamar que a Mesa Sectorial sirva para o que foi concibida: debater as propostas da administración e das organizacións que representan ás traballadoras/es. Por vez primeira Sanidade aceptou introducir na Orde do Día os puntos propostos polas organizacións sindicais, sen comprometerse a dar solución a ningún deles.
A concentración convocábase coincidindo coa celebración da Mesa Sectorial e, segundo explicou a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, para demandar que estafuncione realmente como un organismo para a interlocución entre as organizacións sindicais e o SERGAS. “Desde a toma de posesión deste goberno a mesa sectorial perdeu o seu papel de órgano de negociación coas organizacións sociais que representamos ás traballadoras e traballadores. Estamos fartas de vir aquí e que nas ordes do dia non se respecten os temas”, denunciaba.
A iso engadía que a Mesa Sectorial converteuse nun organismo no que a administración entrega documentos aos que as organizacións sectoriais presentan alegacións que “non se teñen en conta”, pero que despois son publicados como acordos aos que nunca se chegou, porque “nin se fala, nin se negocia, nin nada”.
Por iso, desta volta, as organizacións sindicais remitiron unha orde do día alternativa, para evitar que a Mesa Sectorial sexa unicamente un trámite que hai que superar por lei e para deixar de ser “convidados de pedra”.
Nesa orde do día alternativa, que por vez primeira foi admitida pola consellaría, recollíanse aspectos como que se deixe de aplicar a taxa de reposición e que se elabore un plan de estabilidade para as traballadoras/es. “A taxa de reposición tamén fala de que non se poden superar a reposición do 10% das interinidades. Nós ademais de que se suprima isto, pedimos que haxa estabilidade porque hai moitísimas modalidades de contrato que poden evitar que as traballadoras/es teñan que facer contratos día a día. En fin de semana eses contratos se suspenden para non recoñecer o disfrute dunha xornada laboral como todo o mundo”, denunciou Abuín.
Abordouse ademais a recente sentenza pola que a administración deberá pagar a parte correspondente da paga extra detraída ao persoal do SERGAS no ano 2012. “A este respecto dixéronnos que isto habería que abordalo para o conxunto da Función Pública e non só para as traballadoras e traballadores do SERGAS”.
Xunto a isto, noutro dos puntos da orde do día reclamaron ser tratados/as como o resto de traballadores/as públicos/as no referido a permisos. “Función pública cando saca o seu regulamento de permisos e licencias di que queda excluído o persoal do SERGAS, pero non estamos en ningún sitio, porque a consellaría de Sanidade négase a falar dos nosos días libres –como o 24 ou o 31 de decembro- ou de permisos para ir ao médico ou para acompañar a familiares enfermos. Tiñamos recollidos eses dereitos desde o ano 2001, pero nos centros hospitalarios é máis difícil cada día que se recoñezan”.
A resposta da consellaría a este respecto foi, máis unha vez, negarse a recoñecer eses permisos, polos custos que tería para o SERGAS a substitución das traballadoras e traballadores nesas datas. “Para cobrar a paga extra somos Función Pública pero para ter dereito a permisos somos só SERGAS”, denuncia a secretaria nacional da CIG-Saúde.
Xestión clínica
Outro dos aspectos a tratar a proposta das organizacións sindicais era o do decreto de xestión clínica, para o que pediron a súa retirada e que haxa unha verdadeira negociación. “Non nos opoñemos á xestión clínica, senón a que se utilice para modificar o sistema sanitario, garantindo a calidade asistencial e a calidade das condicións laborais de traballadoras e traballadores”.
A isto a consellaría propuxo crear unha comisión técnica para tratar certos aspectos do actual decreto. Unha proposta que Abuín entende que non serve se non se pode falar do modelo ao que leva ese decreto e de todo o que isto implica.
Sobre a privatización do servizo de esterilización, a administración asegurou que a publicación no DOUE foi unicamente un aviso, cando o que abre é o prazo para o concurso e respecto do cobro por medicamentos de farmacia hospitalaria a consellaría indicou que aínda non se está a aplicar, pero que debe porse en marcha porque é lexislación básica que afecta a todo o estado. “Non explicaron por que sendo básica para todo o estado hai comunidades nas que non se vai aplicar pero en Galiza si”.