Mondoñedo, 2 de febreiro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo quixo poñer en valor e agradecer a decisión da Xunta de Galicia de executar este ano a mellora do tramo da estrada LU-124, que une Mondoñedo coa A-8.
O PP explica que os traballos, de acondicionamento e mellora de trazado, que executarán nestes case sete quilómetros que van dende a saída de Mondoñedo ata o enlace coa autovía, permitirán que se poida circular por esta estrada con mellores garantías de seguridade e, en especial, agora que está chamada a captar novos vehículos procedentes da A-8.
O PP estivo sempre pendente desta infraestrutura
Os populares explican que esta resposta da Xunta de Galicia vén a demostrar o interese da administración autonómica para, dentro das dispoñibilidades orzamentarias actuais, dar solución ás demandas dos mindonienses.
Neste senso, o PP lembra que o propio conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, mantivo no ano 2012 unha reunión con veciños da parroquia do Carme, en Mondoñedo, para tratar sobre a mellora desta vía. Un feito que, segundo os populares, demostra a boa dispoñibilidade do responsable do departamento autonómico, que visitou in situ a estrada.
Como mostra desta implicación, os populares tamén lembran que a consellería ten previsto, a maiores, a planificación e realización dunha mellora integral da estrada LU-124 de Mondoñedo a Vilameá.
Neste senso, os populares explican que foi en 2003, durante o goberno de Manuel Fraga, cando se redactou o primeiro proxecto de acondicionamento desta estrada. Despois, o propio conselleiro de Medio Ambiente contratara a redacción dun novo proxecto de trazado e cuxa execución forma parte da planificación da Consellería.
Isto, segundo os populares demostra que o seu partido estivo sempre pendente pola LU-124 e lembra a actuación de reposición de firme, mellora de drenaxe e repintado que levou a cabo a Xunta de Galicia no 2010 nesta estrada e que resultou danada como consecuencia directa da intensidade de circulación de vehículos pesados que traballaron na construción da A-8.
Só buscan rendibilidade política
Dende o PP explican que mentres algúns alcaldes buscan rendibilidade política inmediata, dende os gobernos populares intentan garantir solucións. Neste senso, pregúntanlle a Orlando González onde estivo cando o bipartito estaba na Xunta da Galicia.
Segundo o PP, daquela existía un proxecto para a mellora desta estrada elaborado polo goberno de Manuel Fraga e que permaneceu esquecido durante a estadía do bipartito na administración autonómica.
“Por que daquela non manifestou unha actitude activa en defensa dos seus veciños?”, pregúntase os populares; que contrapoñen esta actitude coa do Partido Popular, quen lembra, que foi o PP o que rexistrou unha moción para a adecuación desta vía toda vez que fose enlace coa A-8.
De novo un goberno do PP
O PP tamén agradece ao Ministerio de Fomento que nos orzamentos para 2014 se garantise unha partida que teña por finalidade darlle solución aos problemas xerados tralas obras da autovía, tanto as escorrentías como na LU-124.
Neste senso, lembran que tivo que estar un goberno popular no Estado para que se lle dera remate a esta infraestrutura, así tamén se preguntan que fixo Orlando González para que o anterior goberno central dese solución aos problemas da A-8.
Dispoñibilidade do Partido Popular
O Partido Popular de Mondoñedo tamén ofrece a súa colaboración coas entidades sociais, polo que, se amosa aberto e receptivo ás propostas que podan trasladarlle.