CERVO, 14 DE FEBREIRO. Concluido o ano 2013, os socialistas de Cervo fan balance do gasto que supón para os veciños de Cervo o servizo de abastecemento de auga, “coas facturas enriba da mesa, cada familia cervense paga de media uns 500 euros anuais pola auga”.
Tanto é así que “se chegará a convertir nunha cuestión de luxo”, dende o Grupo Municipal Socialista subliñan que “este equipo de goberno que presumiu e presume de facer xestións para garantir un servizo público de auga, non fai máis ca mentirlle ós veciños. Día a día comprobamos que a firma do Consorcio de augas Cervo-Burela só foi o pretexto para a privatización do servizo e a consecuente subida do seu prezo”.
Lembran que dende o 2012 “curiosamente ano no que se pon en funcionamento este Consorcio, o custo da auga incrementouse nun 40%”.
Pagar dobremente pola auga
Ademais, a privatización deste servizo provoca que “os veciños de Cervo estén pagando dobremente pola auga. Por un lado, o que sae do peto de cada familia por cada factura e por outra banda, o que o Concello paga anualmente a este Consorcio, de media uns 180.000 euros”.
Por todo, os socialistas insisten en que “se ós 350 euros que pagamos de media por tódolos recibos dun ano, lle sumamos a parte proporcional destes 180.000 euros que asume o Concello, diñeiro das arcas municipais que aportamos todos, unha familia de tres membros chega a pagar unha media duns 500 euros cada ano polo servizo da auga”.
Con estas contas, os membros do GMS denuncian que “as políticas deste goberno do Partido Popular atacan dobremente á economía dos nosos veciños e teñen demostrado que pretenden favorecer a privatización dos servizos públicos a costa dos cartos de todos nós, do empobrecemento da cidadanía. O poder adquisitivo da poboación baixa porque os salarios e pensións non se incrementan e só suben os impostos e o custo dos servizos máis básicos. Estamos sendo dobremente atacados, non podemos consentir que esta situación quede sen saír á luz”.