Mondoñedo, 21 de marzo de 2014.- O Partido Popular agradece o novo compromiso da Xunta de Galicia coa localidade de Mondoñedo a través da concesión de axudas para a difusión das feiras das San Lucas e a promoción de actividades de servizos sociais organizadas por entidades vinculadas co municipio.
Os populares explican que esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a aprobación de subvencións, que suman en conxunto máis de 52.800 euros e, que segundo os populares, reinciden en dúas áreas de vital importancia para o municipio como son a turística e a social.
Axuda As San Lucas
En concreto dentro da liña de axudas concedidas a Concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia; a Axencia de Turismo de Galicia apróballe á administración local de Mondoñedo unha subvención de 3.496,90 euros para a Feira das San Lucas.
Os populares reiteran, nesto senso, a importancia deste encontro festivo para a localidade, que permite a dinamización do municipio e a súa difusión a nivel turístico especialmente pola historia da súa feira cabalar.
Colaboración entidade social
A maiores, os populares tamén explican que o Diario Oficial de Galicia de hoxe recolle a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de diferentes actividades de servizos sociais comunitarios e de inclusión social.
Neste senso, os populares agradecen a implicación do goberno galego cun ente vinculado coa localidade, Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol, que percibe da administración que dirixe Alberto Núñez Feijóo máis de 49.350 euros.