Burela, 17 de marzo de 2014. O vindeiro mércores, 19 de marzo, ás 11:30 horas no salón de plenos do Concello haberá unha charla sobre normas e condutas dos/as peóns.
A cita está organizada polo Concello, a través da Xefatura Provincial de Tráfico. Diana Durán, a concelleira de Servizos Sociais, explica que “profesionais da Policía Local serán os encargados de impartir dita charla, dirixida a toda a poboación. Baixo o título de Prevención de atropelos ás persoas trataranse, entre outras cousas, temas como a seguridade, os atropelos, etc. Desta maneira, o que se pretende é que as persoas teñan claras as normas básicas de circulación e as accións a realizar, tanto ao volante dun coche como sendo peón, para poder evitar accidentes. É moi importante coñecer como peón, os nosos dereitos para garantir a nosa integridade física, así como cales son as nosa obrigacións”.
A edil popular lembra que “nos atropelos peóns e condutores teñen responsabilidades compartidas, aínda que hai moitas veces nas que o condutor ve cómo o peón se lle bota ao paso de cebra sen mirar, e aí o chasis máis débil é o corpo da persoa”.
Ao finalizar a charla repartiranse chalecos reflectantes entre as persoas asistentes.