Lugo, 1 de abril de 2014. A Deputación de Lugo, logo do pleno celebrado hoxe e a instancias dunha proposta do BNG que se aprobou cos votos a favor dos dous socios de goberno e coa abstención do PP, instará á Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galiza a que asuma as obrigas contraídas cos labregos galegos e proceda ao pagamento das axudas comprometidas a todos aqueles gandeiros que superaron o proceso de adxudicación e cumpriron os requisitos esixidos ás explotacións gandeiras segundo a orde do 18 de abril de 2008; así como a manter no Plan de Desenvolvemento Rural que se aprobe para o novo período 2014-2020 liñas de axuda que respondan aos criterios de recuperación de razas autóctonas e de explotación gandeira en extensivo para a produción de alimentos sans e de calidade, con dotación orzamentaria suficiente e con criterios que permitan desenvolver o potencial que Galiza ten neste ámbito.
Neste sentido, o portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, lembrou que “en abril de 2008, a Consellería do Medio Rural, no goberno bipartito, sacaba unha liña de axudas dirixidas aos titulares de explotacións gandeiras de razas autóctonas, que desenvolvan actuacións destinadas á produción baseada nos recursos naturais dispoñibles, en consonancia coas políticas que recomenda a Unión Europea: unha produción agraria máis acorde co medio natural e satisfacción da demanda de alimentos sans e de calidade”.
“Estamos a falar – continuou Outeiro – de razas como o porco celta, a ovella galega, ou as cachenas, as caldelás, as vianesas, as frieresas, as limiás, en vacún; máis aínda o que moitos descoñecen e que tamén unha raza moi estendida no sur da provincia de Lugo como é a vaca rubia galega tamén estaba comprendida nesta liña de axudas”.
A Consellería do Medio Rural e os titulares das explotacións gandeiras asumían durante cinco anos unha serie de compromisos: por unha banda os gandeiros comprometíanse a cumprir medidas relacionadas coa hixiene e sanidade animal, co axeitado mantemento da superficie agraria e coa promoción das razas autóctonas; e por outra, a Consellería comprometíase ao pago de ata 156 € por animal reprodutor. Estas axudas estaban incluídas nas medidas aprobadas no Plano de Desenvolvemento Rural de Galiza (PDR) que se financia con fondos FEADER e se complementa con achegas do Estado e da Xunta de Galiza, programa para o que existe consignación orzamentaria suficiente.
A este respecto, o portavoz do BNG denunciou que “dende que o PP asumiu o goberno galego comezou un constante recorte dos importes que viñan recibindo os labregos, recorte que no 2011 xa chegou ao 45% sobre a cantidade aprobada inicialmente,e que na campaña correspondente ao ano 2012, supera o 75%. Deste xeito, das 1064 explotacións que presentaron a solicitude no ano 2012 e viñan reunindo os requisitos dende o 2008 e cumprindo os compromisos adquiridos, e polo tanto percibindo a axuda comprometida, tan so 158 explotacións recibirán a axuda correspondente ao 2012, último ano do compromiso acordado. As outras 906 foron excluídas, entre elas 476 da provincia de Lugo”.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que ademais dunha actuación inxusta e irresponsábel, trátase dun erro estratéxico xa que se pode malograr a potencialidade de producións de carne de gran calidade que existen no País, dándolle polo tanto vantaxes aos competidores máis directos. “Por iso manifestamos a nosa preocupación non só por esta actuación continuada no tempo senón tamén pola posibilidade de que esta sexa o preludio do abandono desta liña estratéxica de actuación no futuro PDR que está pendente de redactar e aprobar para o próximo período 2014-2020” – precisou Outeiro.
O portavoz do BNG rematou a súa intervención afirmando que “chama a atención o grao de incoherencia ao que está chegando o Partido Popular, cando nalgúns concellos da provincia os grupos municipais do PP votaron a favor desta mesma moción, ou en contra, para logo o grupo provincial absterse. E resulta curioso o caso do alcalde de Baralla, que no concello non só votou a favor desta iniciativa do BNG, senón que ademais defendeu a ultranza aos gandeiros afectados, mentres que como deputado provincial se abstivo”.
A Deputación é a única institución que inviste no SAF Básico na provincia de Lugo
A Deputación de Lugo, a día de hoxe, é a única institución que apoia economicamente o Servizo de Axuda no Fogar Básico na provincia de Lugo. Concretamente, a área de Benestar Social ten presupostado para 2014 un orzamento de 1.650.000 euros, dos cales, 675.000 euros se destinan a cubrir os gastos deste servizo nos concellos de menos de 20.000 da provincia.
Así, o Pleno Provincial rexeitou unha proposta do Partido Popular pola que solicitaba á Deputación de Lugo que asumise o custe do Servizo de Axuda no Fogar Básico en concellos de menos de 20.000 habitantes, así como o financiamento aos ditos concellos para a contratación de persoal dos equipos con perfís profesionais diferentes e complementarios aos do profesional de referencia.
Antonio Veiga argumentou que “esta proposta non ten cabida, e menos por parte do PP, que onde ten competencias está a desmantelar os servizos sociais. Exemplo diso é o a supresión do financiamento da teleasistencia domiciliaria, da que a día de hoxe se fan cargo Deputación e Concellos ao 50 por cento; ou o desmantelamento do servizo de transporte do 065, implantado polo Bipartito, probas palpables do seu desprezo aos servizos sociais públicos e gratuítos, ao rural, e á provincia de Lugo”.
Neste sentido, o Grupo Provincial do BNG instou ao PP en Lugo a que se dirixa á Xunta de Galiza para que esta colabore e destine unha partida orzamentaria ao SAF básico dunha das provincias do Estado con maior taxa de avellentamento.
A moción que presentou o PP tamén esixía a implicación da Deputación de Lugo en potenciar políticas e programas de apoio ao emprendemento feminino e a inclusión no seus orzamentos do 2015 unha partida específica destinada a esta cuestión, algo que Veiga cualificou de “incoherente”, cando “distintos cargos do Partido Popular se prodigan con comentarios discriminatorios e ofensivos para as mulleres”.
“Na deputación podemos falar de igualdade, unha igualdade que potenciamos nomeadamente co noso apoio económico ao SAF básico, posto que é un servizo que xera preto de 2.000 postos de traballo en toda a provincia de Lugo, e dos que se benefician principalmente as mulleres”. – concluíu Veiga.


















A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Estes servizos sumaranse aos que xa permanecen abertos habitualmente, como os do parque Pernas Peón. O Día das Tortillas, que se celebra o domingo anterior ao Domingo de Ramos, reúne cada ano a veciños e visitantes en varios espazos do municipio. Con esta medida, o Concello busca facilitar o desfrute da xornada e mellorar a comodidade das persoas asistentes. Desde o Concello de Viveiro lémbrase tamén a importancia de facer un uso responsable das instalacións públicas, de manter limpos os espazos naturais e de respectar as n
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
A actividade conta coa colaboración do Concello.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.



