A CIG-Saúde compareceu este luns en rolda de prensa para advertir dos constantes fallos que se están a producir nos equipos de electromedicina desde que se produciu a privatización do servizo. Segundo María Xosé Abuín, Secretaria Nacional, IBERMAN S.A non ten a solvencia que se precisa para asumir o seu mantemento o que está a provocar importantes problemas nos distintos centros sanitarios de Galiza. Lembra que a CIG-Saúde xa o denunciou en numerosas ocasións sen que o SERGAS adoptara medida algunha e reclama o rescate urxente do servizo.
Na rolda de prensa, a Secretaria Nacional da Federación, María Xosé Abuín, estivo acompañada por Xoana Zamudio, Xosé Vázquez, Xermán Rouco, Rafael Pérez, Fernando Rivas, da CIG-Saúde.
A CIG-Saúde considera que IBERMAN S.A. está a incumprir o contrato. Denuncia que non respecta os protocolos dos fabricantes, non emprega pezas orixinais e non hai nin garantía das reparacións, nin protocolos que determinen o bo funcionamento dos equipos.
Abuín advertiu de que todos os informes técnicos recollen que para garantir a seguridade de doentes e usuarios/as na xestión da tecnoloxía sanitaria “é necesario que o seu mantemento sexa efectuado por persoal con cualificación específica que siga os protocolos do fabricante e que empregue pezas orixinais con validez demostrada na avaliación da conformidade realizada no proceso de certificación para o marcado CE”.
Xunto a isto sinala que está constatado que o 25% dos efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria teñen que ver co uso inadecuado ou deficiencias no mantemento e alerta das consecuencias que pode ter manter o servizo en mans desta empresa. “Polos datos que temos IBERMAN está a incumprir en toda a súa extensión as recomendacións cualificadas”.
A CIG-Saúde xa denunciou fallos en equipos médicos, incubadoras, arcos cirúrxicos, equipos de esterilización, mesas de quirófano, mamógrafos, berces térmicos, equipos de citoscopias, de raios, insufladores endoscópicos, electrocardiógrafos e camas eléctricas en diferentes centros hospitalarios.
Ante isto Abuín concluíu que se os mantementos preventivos e técnico legais non están ao día e a empresa incumpre o Prego de Prescricións Técnicas contemplado para estes equipos no contrato, o SERGAS ten que recuperar o servizo. “É un grande negocio para as empresas privadas e unha ruína para o sistema público, que está a pagar por un servizo que non ten”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde afirma ademais que esta sangría está a ter graves consecuencias e sinala entre outras a descapitalización de todo o equipamento existente nos servizos, o incremento no custe para o erario público e un servizo de pésima calidade con incidencias directas sobre as e os pacientes.
Problemas en todas as Áreas Sanitarias
Durante a comparecencia fíxose un relato minucioso a respecto todas as irregularidades que se están a producir nas distintas Áreas Sanitarias por parte da adxudicataria deste servizo.
CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña): Non hai presenza física as 24 h. Os mantementos preventivos non están ao día. Non hai equipos en depósito para substitucións por avaría. O inventario non está ao día. Un electrobisturí leva varias semanas fóra de servizo.
Materno Infantil da Coruña: Non se fan as revisións de quirófanos. Non hai presenza física diaria e moito menos as 24 h.
CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago): Graves problemas cun dializador (ardeu mentres se dializaba a un paciente, como consecuencia de empregar pezas usadas doutros equipos que levaban bastante tempo retirados). Os mantementos preventivos non están ao día. Non hai presenza física as 24 h. Non existen equipos en depósito para substitucións por avaría. O inventario non está ao día. As reparacións non se fan con pezas orixinais. A telemetría leva varias semanas sen reparar.
Hospital Gil Casares: Varios equipos de endoscopias levan tempo se reparar.
HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti): Problemas cos equipos de endoscopias. Non están ao día os mantementos preventivos. Non existen equipos en depósito para substitucións por avaría. O inventario non está ao día. Non hai presenza física as 24 h.
Hospital da Costa (Burela): Non hai presenza física todos os días e menos as 24 h. O inventario non está ao día. Non existen equipos para substitución en caso de avaría. As reparacións non se fan con pezas orixinais. Reiteradamente está habendo problemas cos equipos de radioloxía. Hai equipos coas revisións caducadas. Atrasos nas reparacións de aparellos endoscópicos. Non se fan as revisións dos aparellos de electroterapia: ultrasóns, microondas, onda corta, etc. Os protocolos de actuación no relativo á coordinación de tarefas son inexistentes.
Hospital de Monforte: Non hai presenza física todos os días e menos as 24 h. O inventario non está ao día. Non existen equipos para substitución en caso de avaría. As reparacións non se fan con pezas orixinais.Hai equipos coas revisións caducadas.
CHOU (Complexo Hospitalario de Ourense): Non teñen presenza física as 24 h. Non teñen equipos para substitucións en caso de avaría. As reparacións non se fan con pezas orixinais (graves consecuencias para os equipos, réstalles vida útil).
Hospital do Barco: Non hai presenza física as 24 h. Problemas cun esterilizador, 15 días parado, houbo que chamar a outra empresa Utilizan recambios de propiedade do Hospital e sen ningún control. Hai equipos coas revisións caducadas. Non está ao día o inventario. Non hai equipos para substitucións por avaría. Sala de raios X (telemando) de Philips, leva 4 semanas parada.
CHOP (Complexo Hospitalario de Pontevedra): Non hai presenza física as 24 h. Hai equipos con revisións caducadas. O inventario non está ao díaProblemas cos mesturadores de osíxeno de neonatos, levan tempo sen células de osíxeno, descoñécese o motivo. Ventiladores e respiradores fóra de servizo (semanas) Non hai equipos para substitucións por avaría. Non están a facer as revisións de quirófanos
Hospital do Salnés (Vilgarcía de Arousa): A reparación das camas eléctricas estaas facendo outra empresa, e descoñécese o motivo. O contrato recolle como equipos a reparar pola adxudicataria do contrato de electromedicina, IBERMAN, S.A.
EOXI Ferrol (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada): Non entregaron o Inventario. Non fan os mantementos preventivos. Non entregaron informe previo. Non hai presenza física as 24h. Hai problemas cos servizos que teñen a norma ISO xa que non fan os mantementos dos equipos.
En conxunto, na maioría dos hospitais está habendo problemas para implantar a norma ISO, xa que isto implica ter os mantementos preceptivos actualizados.
A CIG-Saúde ten constancia de que existen máis incidencias, pero en moitos casos as Direccións están facendo caso omiso ás denuncias que dende os propios servizos lles están achegando.