Cervo, 12 de abril de 2014- A veciña de San Ciprián, María Martínez Paleo, foi homenaxeada este sábado pola Real Irmandade de Veteranos das Forzas Armadas e da Garda Civil por ser a socia de máis idade da provincia de Lugo. Un acto que tivo lugar na Casa da Cultura, onde esta veciña, de 99 anos, recolleu unha placa de recordo así coma un ramo de flores.
María Martínez Paleo é viúva de Marcelino González Gómez, que prestou servizo no antigo Corpo de Carabineiros que despois se integrou na Garda Civil, onde foi capitán. A veciña de San Ciprián amosouse moi emocionada e agradecida, e manifestou tamén que non agardaba este recoñecemento. Unha homenaxe que a irmandade realiza todos os anos ao socio máis veterano da provincia para celebrar a festividade do seu patrón, San Hermenexildo, o 13 de abril.
Para iso achegáronse ata San Ciprián o presidente provincial da entidade, o coronel José Rifón Cabarcos; o secretario, Manuel Saavedra e o tesoureiro, Graciano Rodríguez Novo nun acto no que tamén estivo presente a homenaxeada, rodeada de familiares así como representantes do Concello.
A Real Irmandade de Verteranos das Forzas Armadas e da Garda Civil é unha asociación creada no 1957 co obxectivo de axudar ás persoas que o precisen, exercendo unha labor benéfica e social.