O responsable local do BNG de Alfoz-Valadouro ven de rexistrar no Concello de Alfoz unha proposta en torno ó mantemento do mobiliario municipal.
Alfredo Freire explica que “a proposta xurdiu por tres motivos fundamentais. O primeiro é o alto grao de deterioración que se pode observar nunha boa parte do mobiliario público de Alfoz (marquesiñas, indicadores, contedores, asentos…), factor que incide nun negativo servizo cara aos cidadáns, que produce un impacto visual pésimo nos turistas e visitantes en xeral, e que mesmo crea situacións perigosas no caso dos grandes anacos de vidro procedentes das marquesiñas, abandonados nas beiras dos viais. O segundo motivo é a sensación de suciedade e abandono que produce esta ausencia de limpeza, xa que non só non se repoñen os elementos deteriorados senón que os restos permanecen no lugar sen ser recollidos. E o terceiro, é o agravio comparativo que crea o feito de que o núcleo da Seara sexa o único que é adecentado periodicamente. Situación anómala e discriminatoria cara ao resto dos veciños”.
Nese sentido, propoñen a adopción do seguinte acordo: repoñer inmediatamente o mobiliario deteriorado ou obsoleto, arranxar aquel mobiliario que aínda é aproveitábel, limpar os restos de mobiliario deteriorado (vidros…), demandar da veciñanza información periódica do estado do mobiliario público así coma elaborar un programa de mantemento periódico do mobiliario público.