Santo André de Boimente, 12 de maio de 2014.- O colectivo Fraga das Saímas ven de celebrar, no Centro Socio-Cultural de Sto. André de Boimente, a súa Festa das Letras Galegas 2014 a pasada tarde-noite do sábado, 10 de maio, e cuxo Día das Letras se lle dedica este ano ao poeta dos Vilares de Parga, X. M. Díaz Castro.
Os actos de homenaxe ás Letras Galegas e á nosa lingua deron comezo ás 18.00 horas coa benvida da presidenta, Flor Chao, previo reparto entre os asistentes dun folleto sobre a obra e vida de Díaz Castro e de escoitar a grabación musicada e cantada por A Quenlla de Penélope, o poema máis famoso e dos máis traducidos do poeta lugués.
Logo do discurso de benvida da presidenta, onde resaltou o importante papel das veciñas e veciños como motores dinamizadores e orgullosos defensores da súa lingua no día e día das súas vidas, o público asistente tivo a oportunidade de disfrutar coa nova peza teatral do profesor Francisco Piñeiro, “Xustiza de Lei”, interpretada polo grupo de teatro Árdora, e cuxa actuación foi recibida con grande entusiasmou polo público asistente.
Rematado o teatro, o medio cento de convidados sumáronse ao Fotocol da campaña de fomento da lingua “Gustame o Galego” (desenvolta pola CTNL e gañadora do premio Xoán Manuel Pintos-2013) para axudar a transmitir unha mensaxe positiva a prol do galego facendo visible o seu apoio individual e colectivo ao uso da lingua galega fotografándose con frases como “Gústame o galego ata no carné de identidade”, “Gústame que se faga xustiza co galego”, “que me digan qrt” m8 ;-), “ que me entren en galego ;-)”, “xogar en galego, etc. e que forman parte dos 30 lemas incluídos nesta campaña.
E entre foto e foto as amigas e amigos da lingua galega foron recompensados con petiscos, refrescos e uns saborosos churros con chocolate.
Pasadas as 22.30 horas a Directiva da Fraga das Saímas clausurou a Festa da Lingua facéndose un fotocol cun nutrido grupo de convidados que permanecían nas instalacións do Centro Socio-Cultural disfrutando da velada.