CIG, CCOO, SAE e CSIF convocan unha mobilización cidadá para o próximo mércores 21 de maio ás 20.30 horas con saída do Hospital da Costa en defensa da sanidade pública e contra o peche de camas no período estival (entre outros asuntos)
O MAIOR PECHE DE CAMAS E A MAIOR LISTA DE AGARDA
O anuncio do maior peche de camas da historia en todos os hospitais de Galiza (30 camas no Hospital da Costa) faise mentres padecemos unhas listas de espera “tamén históricas”, que segundo o SERGAS son de 38.106 persoas. Dato oficial que pretende dulcificar a realidade, xa que ocultan a espera non estrutural. Segundo confirmaron as centrais sindicais, as cifras reais que figuran hoxe no rexistro de espera de Galiza superan as 60.000 persoas. Centos destes/as pacientes levan máis de 5 anos agardando unha intervención cirúrxica.
A este respecto, indican que se poderían aproveitar os meses do verán empregando os quirófanos para alixeirar a lista de espera, mais, polo contrario, dende o SERGAS acordan suspender toda actividade cirúrxica programada ata o mes de outubro.
Témese ademais que, tal e como ten acontecido noutros anos, a Xunta aproveite este peche para afondar no recorte de servizos e non volva reabrir as unidades e camas. Unha situación que empeoraría considerabelmente a atención sanitaria e terá consecuencias directas sobre o emprego na sanidade, abocando a moitas mozas a mozos da Mariña a non poder traballar durante o verán aumentando o desemprego sanitario e empobrecendo a Mariña.
PARALIZACIÓN DA POSTA EN MARCHA DA SEGUNDA SALA DE ENDOSCOPIAS NO HOSPITAL DA COSTA
A segunda sala de endoscopias anunciada polo SERGAS para o Hospital da Costa permanece pechada e sen dotación de recursos humanos e materiais. Para as organización convocantes este é “un síntoma máis” da degradación da sanidade pública na Mariña polas políticas neoliberais do Partido Popular que anularon a capacidade para decidir do Hospital da Costa coa publicación do decreto de Xestión Integrada, deixando que a nosa sanidade se dirixa dende Lugo.
En Xaneiro de 2014, despois de recoñecer que se estaban a desviar pacientes cara Lugo para facer endoscopias, dende a Xestión Integrada anunciaron que o Hospital da Costa tería activa unha segunda sala para endoscopias necesaria para rematar coa lista de espera e imprescindible para poñer en marcha a exploración da vía rápida do cancro de colon.
En Febreiro de 2014, dende o SERGAS e a Eoxi Lugo, Cervo e Monforte de Lemos anúnciase que se iniciou e rematou a remodelación dá área de endoscopias no Hospital da Costa, de inminente apertura cunha dotación en material por valor de 138.000 €.
A día de hoxe, explican, a segunda sala de endoscopias permanece pechada, sen dotación de material e sen recursos humanos para poñela en funcionamento, co prexuízo que iso supón para os mariñáns e mariñás.
Lembran que o cancro colorrectal é sumamente frecuente, pois no caso das mulleres representa o segundo tras o cancro de mama, e nos homes o terceiro despois do de pulmón e próstata.
Trátase da segunda causa de morte en Galiza tanto de homes coma de mulleres, e a quinta causa global, polo que se trata dun “problema sanitario de primeira magnitude”. Pero tamén é unha enfermidade que se pode previr “e o diagnóstico precoz é o xeito máis axeitado para a súa abordaxe”.
O cancro colorrectal é unha das patoloxías incluídas na denominada “vía rápida” implantada polo SERGAS para o diagnóstico dunha batería de enfermidades e que está dirixida a pacientes que presentan síntomas que fan sospeitar que pode padecela. Estes pacientes son derivados polo médico de atención primaria e son sometidos ás probas correspondentes nun prazo de quince días.
A vía rápida de detección do cancro de colon está implantada en toda Galiza excepto na Mariña, discriminando negativamente as e os Mariñáns e converténdoos en cidadáns de segunda.
HOSPITAL DE DÍA ONCOLÓXICO
A día de hoxe, non se iniciou ningunha obra para poñer en marcha o servizo e, ante a propaganda reiterada do inicio das obras de oncoloxía, dicirlles que se deixen de mentiras e de enganos. O único que ata o de agora fixeron foi baleirar o arquivo queimando as probas radiolóxicas de 5 anos para tras dos/as usuarios/as da Mariña.
PRIVATIZACIÓN DE ESTERILIZACIÓN 160 millons de €
Coa privatización do servizo de Esterilización o SERGAS está cumprindo a súa folla de ruta de fragmentar a sanidade pública para poder privatizala con maior facilidade. É o inicio da privatización da bata branca
De non pararmos agora este proceso de descapitalización do sistema sanitario público posto en marcha polo goberno do PP, no futuro será inviable recuperar a titularidade pública destes servizos.
O canon que a Consellaría de Sanidade vai pagar por cada un dos servizos privatizados vai asumir unha parte importante do orzamento sanitario, hipotecando por moitos anos as arcas públicas, dificultando a prestación de servizos, cun custe moi superior ao custe actual, facendo insostible a sanidade pública, con perda de calidade e destrución de emprego público.
Este vai ser o 2º (segundo) ERE do persoal do SERGAS, o 1º (primeiro) ERE foi o do persoal de subministros (200 postos de traballo) cando se privatizou este servizo implantando a Plataforma Loxística. Nesta ocasión, coa privatización da esterilización, están en perigo 167 postos de traballo.
PRIVATACIÓN DE MANTEMENTO
As centrais sindicais denuncian o incumprimento sistemático do prego de condicións por parte da empresa Ibérica de Mantenimiento S.A, que dende xuño do ano pasado se encarga do mantemento dos equipos de Electromedicina do Hospital da Costa. A empresa, non cubre o servizo as 24 horas, carece de medios materiais, incumpre os prazos para a reparación e substitución de equipos e non ten a disposición do SERGAS os equipos ofertados para substituír en caso de avaría.
Apuntan que mesmo dende a Xerencia Executiva do Hospital da Costa se recoñece verbalmente o incumprimento de máis do 50% do prego de condicións. Isto deu lugar a retirada de citas para realizar diversas probas diagnósticas -como endoscopias, broncoscopias ou mamografías- dada a incapacidade da empresa adxudicataria para arranxar os citados equipos, “o que deriva nunha diminución da calidade asistencial sendo os mariñaos e mariñás os/as principais prexudicados/as”.
As organización sindicais denuncian que o coa privatización do servizo de mantemento “desmantelouse un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel”.
Por iso, rexeitan enerxicamente toda privatización do patrimonio sanitario público do noso país “tendo claro que as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do PP por privatizar a sanidade pública e enriquecer a empresas amigas, pondo a crise como escusa”.
MENTRES NON SE DERROGUE O DECRETO DE XESTIÓN INTEGRADA A SANIDADE DA MARIÑA SEGUIRÁ DETERIORÁNDOSE CO BENEPLÁCITO DE TODO O PARTIDO POPULAR
O que precisa a sanidade da comarca é o que estivo pedindo o conxunto da sociedade mariñá, un decreto de xestión integrada propio para xestionar sanidade primaria e especializada. Non queremos un ambulatorio grande, queremos un Hospital con plena capacidade para xestionar os seus recursos humanos, materiais e económicos e que os centros de saúde se xestionen dende a Mariña.
AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DA COSTA
As centrais sindicais convocantes piden, tamén, que a ampliación do Hospital da Costa se faga de inmediato para adaptalo a actual demanda asistencial, ofrecer unha mellor prestación de servizos para os pacientes e mellorar as condicións nas que os profesionais fan o seu traballo. Anos despois de incumprir a súa promesa de ampliación, de suprimir servizos e permitir que se deterioraran as condicións de seguridade e calidade asistencial para pacientes e persoal sanitario e de colocar casetas de obra para pasar consulta, a prometida ampliación continua sen executarse.
CHAMAMENTO A MOBILIZARSE NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
Por todo o anterior CIG, CCOO, SAE e CSIF chaman aos mariñaos e mariñás a saír á rúa e manifestarse novamente para reclamar con claridade e contundencia o fin destas políticas de demolición do sistema sanitario público, dun modelo de xestión integrada que lonxe de achegar como prometeron a sanidade ao usuario, afástaa obrigando a desprazamentos por servizos que antes se prestaban na comarca e agora en moitos casos acaban en clínicas privadas fora da comarca. As promesas sobre ampliación da carteira de servizos – servizo de oncoloxía – non se cumpren e a ampliación do Hospital da Costa segue o mesmo guión que outras promesas na comarca, unha luz ao final do camiño que nunca, nunca da chegado.




















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



