Lugo, 23 de xuño de 2014.- O director xeral de Administración Local, Jose Alberto Pazos Couñago, lamentou as actitudes obstrucionistas e de bloqueo que se manteñen desde a Deputación de Lugo con relación á xestión da rede dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), ao tempo que lle pediu á institución provincial “a máxima colaboración para garantir a seguridade dos cidadáns lucenses”.
Pazos Couñago ofreceu esta mañá unha rolda de prensa Delegación Territorial da Xunta en Lugo para explicar a situación dos GES na provincia. O director recordou que estes grupos puxéronse en marcha o pasado ano, grazas á colaboración entre a Xunta, as catro deputacións e os concellos e que están a funcionar de xeito positivo no conxunto da Comunidade, agás en Lugo, onde a Deputación está a poñer problemas.
O director asegurou estar “fondamente preocupado pola utilización política e partidista que se está facendo dun tema esencial e fundamental para a Xunta de Galicia como é garantir a prestación do servizo de emerxencias” á totalidade da cidadanía galega e, neste caso concreto, á de Lugo. Por iso lamentou que a Deputación estea “a facer distincións entre cidadáns de primeira e de segunda en Lugo”.
Pazos Couñago explicou que na última reunión da Comisión de Seguimento dos GES a Deputación de Lugo notificou que tiña aboado o 75 por cento dos fondos que tiña que pagar en 2013, pero que nese pago excluíuse deliberadamente a tres concellos gobernados polo Partido Popular: Guitiriz, Folgoso do Courel e Quiroga, escudándose en dúbidas sobre os seus procesos selectivos. Sen embargo si se lle pagou a outros concellos como A Pontenova, o único concello da provincia cuxo proceso de selección está en vía xudicial.
Por último, o encargado da Administración Local en Galicia garantiu que “como non podería ser doutro xeito” a Xunta vai cumprir con todos as súas obrigas comprometidas para o ano 2013 e 2014; e esperou que no ámbito da comisión de seguimento que se vai a celebrar este mércores -25 de xuño- “se alcance por fin unha solución definitiva despois das múltiples que lle ofrecemos aos representantes da Deputación” e que, dunha vez por todas, cumpran cos compromisos acadados nestas xuntanzas.