Ribadeo, 26 de xuño de 2014.- A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia está a levar adiante o proxecto Emprego e formación, que presentaron esta mañá en Ribadeo. Trátase da creación dunha base de datos de técnicos en automoción, xente titulada ou con experiencia, para despois ofrecércella a empresas do sector. Álvaro Doural, o presidente, explicou que haberá un contacto directo coas firmas e que se realizará formación continua presencial e on line. Este é un servizo gratuíto, que se implanta na Mariña con carácter experimental e que despois de espallará por Galicia adiante e por outras comunidades nas que Apaga conta con socios.
Doural dixo que “esta nova iniciativa da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia é novidosa e se vai iniciar aquí, nos concellos da Mariña, de forma experimental, coa idea de espallala despois a nivel de Galicia e nalgunhas comunidades onde a asociación ten membros”.
O presidente de Apaga dixo que “este proxecto, que se denomina Emprego e Formación, pretende elaborar unha base de datos o máis ampla posible con técnicos de automoción, que poden ser titulados ou xente con experiencia no sector e que están traballando ou que se atopan no paro. A intención é facer unha oferta ás empresas do sector, para as que moitas veces é difícil atopar determinados técnicos cun perfil axeitado ás súas necesidades. Por iso este proxecto leva tamén outra base, de empresas que van demandar este servizo. Preténdese facer tamén un observatorio de necesidades de técnicos e de formación”.
Este novo servizo que prestará Apaga, ao igual que o resto dos que puxo en marcha, é gratuíto. A través da páxina web www.apaga.es ou ben a través do correo electrónico adoural@apaga.es os interesados poden poñerse en contacto coa asociación.
Álvaro Doural indicou que “isto pretende que todas as persoas que van participar neste proxecto poidan ter unha información ao día, en cuestión de horas, das ofertas de emprego que hai a nivel de automoción. E iso mesmo para as empresas. É un servizo que creo que é necesario e que ven a axudar a paliar a situación de falta de emprego que hai neste momento, pois creo que canta máis información teñan os técnicos e as empresas será mellor para o sector”.
Segundo o presidente de Apaga “neste momento segue habendo ofertas de emprego, pero moitas veces o difícil é atopar o perfil axeitado á necesidade da empresa. Entón este observatorio que se vai facer permitirá tamén poder ir adaptando á formación para que sexa á carta, segundo as necesidades da empresa”.
“Este é un proxecto experimental no cal xa hai empresas interesadas e tamén técnicos que solicitaron este servizo e que están xa nesa base. E queremos tamén rescatar a aquela xente que neste momento xa abandonou a súa labor de traballo porque están xubilados, porque aí hai un potencial grandísimo de xente con experiencia e queremos alimentarnos desa sabedoría que teñen pois cremos que é interesante. Nós, dentro do sector do automóbil, pretendemos que toda esa experiencia que, desgraciadamente se perde na maioría dos casos, a través dalgunha vía, como o plan é experimental non sabemos como podemos chegar a esa xente, aínda que con algúns é fácil porque xa se brindaron e están dispostos a participar en reunións, charlas e conferencias. Veremos como podemos aproveitar todo ese bo facer, que é moi importante para a formación dos futuros técnicos”, engadiu Doural.
O responsable da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia contou que “hai unha serie de empresas na zona que están necesitando xente e o gran problema que teñen neste momento é atopala. É sorprendente pero é así, porque hai xente formada pero quizais non teñen o perfil adaptado. Entón o que se pretende a través do observatorio é facer esa análise para poder corrixir estas cuestións e transmitilo ás autoridades. Con este proxecto o que pretendemos é solucionar a problemática de determinada xente, que está formada pero que polas circunstancias que sexa non é capaz de chegar aos canles para poder conseguir o emprego”.
Álvaro Doural subliñou que “Apaga é un servizo á comunidade, é unha asociación sen ánimo de lucro e dende logo iso vaise manter en todo momento. A pesar dos moitos atrancos que estamos tendo para poñer en marcha iniciativas seguimos facendo cousas, con poucos recursos e poucos medios, a base de esforzo e traballo da xente que integramos Apaga. Cando vez somos máis, pois neste momento temos uns 90 socios e seguimos ampliando a outras comunidades autónomas e incorporando tamén non só profesores senón tamén xente doutros sectores, como veterinarios ou médicos, que teñen inquedanzas sobre o mundo do automóbil.
Apaga está a rematar o proxecto europeo de mobilidade de profesores. Xa se fixo unha viaxe a Romanía e outra a Polonia e a semana próxima vaise facer outra a Francia con dez profesores para visitar empresas e centros educativos. Ademais xa solicitou outros dous proxectos europeos e estamos á espera da súa aprobación.






















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



