Lugo, 19 de xuño de 2014. O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, ven de acadar un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil para que as pezas da súa importante colección de ourivería volten ao Museo Provincial de Lugo e pasen a formar parte dos fondos propios do museo mediante a adquisición por parte da Deputación de 40 pezas datadas entre o 1.800 a.C. e o 400 d.C., entre elas os Torques de Burela e Viveiro e o Carneiro Alado, emblemas durante 4 décadas da colección do Museo Provincial de Lugo e que saíran do Museo en outubro do ano pasado despois dunha sentenza xudicial do Tribunal Supremo que outorgaba a titularidade da colección á familia Álvaro Gil.
Mario Outeiro afirmou que a adquisición destas pezas por parte da Deputación é “unha magnífica noticia para a cidadanía lucense xa que recuperamos como patrimonio público para desfrute do pobo un destacado tesouro do patrimonio material galego” e destacou “a importancia a nivel cultural e turística destas pezas para a cidade de Lugo”.
O responsable do Museo Provincial e da área de Cultura da Deputación tamén lembrou que con este acordo final, que xa foi asinado pola familia Álvaro Gil e que a institución provincial levará ao pleno do vindeiro martes, “ponse fin a 14 anos de litixio xudicial e de desencontros entre a Deputación e a familia Álvaro Gil, iniciados no ano 1999 cando gobernaba Francisco Cacharro Pardo”.
O regreso, de xeito definitivo, ao Museo Provincial das 40 pezas que forman esta importante colección de ourivería está previsto para antes de que remate o verán. Trátase torques, pulseiras, adornos de pelo e arracadas, fundamentalmente de ouro, que foron declaradas Ben de Interese Cultural o 23 de outubro de 2013, un día antes do levantamento do seu depósito no Museo Provincial para evitar deste xeito que puideran ser vendidas ou sacadas do Estado español.
Aforro de máis de 4 millóns de euros
Mario Outeiro destacou que con este acordo dase por rematada unha negociación “longa e intensa” coa familia Álvaro Gil, encetada no mes de xuño de 2013 trala sentenza do Tribunal Supremo que determinaba a titularidade dos bens en litixio en favor dos herdeiros de Álvaro Gil e obrigaba ao pagamento das custas procesuais por parte do ente provincial. O responsable de Cultura da Deputación dixo que as negociacións coa familia foron levadas a cabo cunha “total discrección” pero cunha “total transparencia de cara á oposición, que estivo sempre informada dos pasos dados, tanto dos acordos como dos desacordos”. De feito, esta mesma mañá o Partido Popular foi convocado a unha Xunta de Portavoces para informalos dos termos do acordo acadado.
Mario Outeiro destacou tamén que grazas a este acordo conséguese un aforro de máis de 4 millóns de euros, xa que a familia reclamaba inicialmente 5 millóns de euros polas pezas máis 2,7 millóns de euros por danos e prexuizos. Finalmente, o prezo de compra por parte da Deputación será de 2.346.200 euros.
Pago de 2.346.200 euros en cinco anualidades
O prezo de adquisición quedou fixado na proposta feita pola Deputación aos herdeiros de Álvaro Gil baseada nun informe de valoración encargado a Eduardo Ramil Rego, taxador independente membro da Asociación de Peritos Xudiciais e especializado en Arqueoloxía e Antigüidades e que estableceu o prezo da totalidade da colección en 2.346.200 euros, moi por debaixo dos case 5 millóns de euros que pedía a familia Álvaro Gil.
O acordo establece ademais que a colección completa será posta a disposición da Deputación Provincial nun prazo máximo de sete días desde a sinatura do contrato definitivo, pero que o pago desa cantidade económica faráse en 5 prazos en anualidades que van ata o 2018, a razón de 99.608 euros neste ano 2014, 656.648 euros en 2015, 633.284 euros en 2016, 606.364 euros en 2017 e 350.296 euros en 2018.
Asemade, a Deputación aboará as cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais derivados dos procedementos relacionados coa colección, tal como establecía a sentenza do Tribunal Supremo, ata unha cantidade máxima de 600.000 euros. A cambio, os herdeiros de Álvaro Gil renuncian a indemnización algunha por danos e prexuizos polos anos que a colección estivo depositada no Museo Provincial.
Seguirán no Museo 19 cadros da colección pictórica Álvaro Gil
A colección de ourivería adquirida voltará deste xeito á sala número 8 do Museo Provincial de Lugo, coñecida como Sala do Tesouro, da que saíu en outubro do ano pasado. Esa sala foi precisamente inaugurada polo propio Álvaro Gil no ano 1974, ampliándoa con máis depósitos ata o 1980. A colección Álvaro Gil aliméntase fundamentalmente da colección de Ricardo Blanco Cicerón, que á súa vez tamén se compoñía da colección de José Villaamil y Castro, e unha serie de pezas que o propio Álvaro Gil engadiría, como o Carneiro Alado.
A maiores, continuarán no Museo Provincial 19 cadros da colección pictórica de Álvaro Gil, depositados no Museo de Lugo, en concreto 6 cadros de Xesús Corredoira expostos permanentemente na sala número 17 e 12 cadros de pintura catalana e 1 de Dionisio Fierros gardados en almacén e que quedaron fóra da negociación, centrada exclusivamente na colección de ourivería.
























Actuarán Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte, e o sábado será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion. López destacou o impacto económico do festival, cun retorno estimado dun millón de euros, mentres que Rouco subliñou a súa importancia turística e a achega municipal de 120.000 €.
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



