Cervo, 20 de xuño de 2014- O Taller de Teatro Infantil de Primavera despediu a temporada coa representación da obra “Un día e xa é verán”. Unha peza dividida en dous actos na que diferentes personaxes viven experiencias que lles fan decatarse da importancia do sol nas nosas vidas e aclaman con forza a chegada do verán, coincidindo precisamente co cambio de estación que se producirá este sábado 21 de xuño.
Un Taller de Teatro que se estivo desenvolvendo todos os venres de abril, maio e xuño e ao que asistiron 30 nenos e nenas de primaria, os mesmos que hoxe ofreceron a representación de clausura. Durante estes meses, o alumnado participou en diversos xogos de interacción cos compañeiros e outras actividades para perder o medo escénico ou aprender algúns trucos de interpretación, así como ensaiar a obra final.
Uns nenos que tamén participaron no Un, dous, tres avós e netos, no que ofreceron varias coreografías ao son da música dentro das actuacións do programa.
Con esta clausura, o Taller de Teatro Infantil de Primavera aproveitou para presentar a súa constitución como Grupo Municipal de Teatro “Pimpim”. “Dende que comezamos con esta actividade, hai xa dous anos, foron moitos os nenos e nenas que se apuntaron e que temporada tras temporada seguen repetindo, polo que quixemos crear o grupo municipal para darlle continuidade no tempo procurando que os nenos sigan tendo un vínculo co teatro”, asegura a edil, Pilar Armada.